As augas subterráneas gardan memoria de secas e riadas, según unha investigación feita co apoio do CESGA

luns, 20 de agosto do 2012 Redacción

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, os mapas de topografía, pendente, profundidade de decaemento exponencial da condutividade hidráulica e tipo de solo

A simulación atmosférica e hidrolóxica para o estudo da influencia das augas subterráneas no ciclo hidrolóxico e o clima é unha das liñas de traballo do Grupo de Física Non Lineal do Departamento de Física da Materia Condensada da Universidade de Santiago de Compostela. Os resultados dos traballos realizados polos investigadores Lucia Gestial Souto, Alberto Martínez da Torre e Alexandre Ríos Entenza, achegan algúns dos resultados das súas investigacións, que entre outras cousas mostran que as augas subterráneas son capaces de gardar memoria de episodios climáticos.
Segundo Alberto Martínez da Torre, "realizamos simulacións cun modelo hidrolóxico e de chans no cal incluímos unha implementación que simula a dinámica das augas subterráneas e a súa interacción coas zonas máis superficiais do chan". Con estas simulacións, que se realizan empregando a capacidade de cálculo do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), "podemos estudar a influencia da capa freática e a súa posición nos fluxos de auga e calor entre terra e atmosfera, así como a influencia no clima cando axustamos o noso modelo aos modelos meteorolóxicos comunmente utilizados para predición climática".
Martínez da Torre lembra que "normalmente esta influencia non está incluída en estudos climáticos e os nosos resultados apuntan á importancia da inclusión da dinámica de augas subterráneas nos modelos climáticos". Máis en concreto, sinala o físico, "centrándonos na Península Ibérica atopamos zonas onde a capa freática está preto da superficie, nas que as augas subterráneas manteñen a humidade do chan en épocas secas".

PUBLICIDADE