As asociacións de Mos estrean plataforma común de comunicación dixital

luns, 16 de xaneiro do 2017 Redacción

O Concello de Mos vén de informar da creación da Rede de Asociacións local e máis da súa ferramenta dixital, “un Facebook de uso común”. A orixe desta iniciativa tecnolóxica está no mes de novembro de 2016, cando a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Óscar Soto, convocaron ás directivas das asociacións do municipio para habilitar “un proxecto común de dixitalización para o tecido asociativo local”. A posta en marcha deste escenario comunicativo compartido confirmouse finalmente a semana pasada.
Trátase do Facebook da Rede de Asociacións de Mos (RAM). Segundo fixo saber o Concello, o obxectivo desta plataforma é que “as asociacións locais teñan unha ferramenta común que poidan utilizar para dar difusión ás súas novas, eventos e actividades e para que toda a poboación teña acceso a esta información, sexa dende Mos ou dende calquera parte do mundo”.
O Facebook da RAM (Rede de Asociacións de Mos) será, ademais, unha ferramenta activa e dinámica. Nesta liña de fomentar a participación e a adhesión, este luns pola tarde a Axencia de Colocación de Mos vai acoller unha sesión dirixida ás asociacións interesadas en incorporarse/asociarse ao Facebook da RAM (Rede de Asociacións de Mos). Na cita participará o voluntario dixital do Concello, Antonio Pasarín, que resolverá dúbidas sobre o Facebook da Rede e explicará como compartir noticias co espazo da RAM na dita rede social.
Segundo engadiu o Concello, esta plataforma de uso común xa está dispoñíbel “para calquera persoa que queira visualizala”. Ademais, neste intre ten un alcance de 5.821 persoas.

PUBLICIDADE