As apps, os drons e a saúde impulsan os once proxectos que pasan á aceleración en ViaGalicia

xoves, 27 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

Novamente a presenza de firmas do ámbito tecnolóxico é un dos puntos máis destacábeis da aceleradora ViaGalicia, que seleccionou onte as once mellores propostas que, ao abeiro da súa sexta convocatoria, entran en fase aceleración: un treito do camiño onde poderán perfeccionar os seus modelos de negocio e adquirir financiamento. Das once iniciativas, seis proveñen da área de Vigo e cinco de Lugo. Delas valorouse a súa capacidade de achegar valor engadido ao tecido empresarial galego e máis a solidez e o equilibrio dos seus equipos, amais da súa potencialidade para ser quen de atraer investimentos.
Como empresas de base tecnolóxica elixiuse a: Anduriña 25, startup do sector aeronáutico que está a desenvolver unha aeronave híbrida que pode despegar verticalmente e que ten gran autonomía e capacidade de carga; NavNaval, empresa que ofrecerá un servizo de comunicación e certificación para o ámbito marítimo consistente nunha plataforma de servizos de inspección, certificación naval e rastrexabilidade de datos baseada en drons, blockchain (cadea de bloques) e Intelixencia Artificial; e Alice Biometrics, spin-off que desenvolveu unha aplicación para a verificación de identidade en liña segura.
Tamén pasan á fase aceleración Frankie the King, que ofrece ao mercado un sistema para recibir a domicilio comida cociñada para cans cun plan nutricional adaptado, The Painter’s wife, unha marca de roupa e accesorios de calidade premium, Tappear, unha aplicación específica para os bares de tapas; Versos da Ruda, sobremesas galegas caseiras en tarros de cristal dirixidos á canle Horeca, e Sangría Republic, que elabora sangría con receitas patentadas, en formato lata, espumosa e craft.
Dentro do sector saúde e das novas tecnoloxías, seleccionouse a Envita unha plataforma online que permite recompilar a historia de vida, fotografías e desexos das persoas maiores, apoiando o envellecemento activo, e a Mami Me Mima, firma adicada aos accesorios de puericultura fabricados con materiais naturais.
O comité técnico, formado por expertos de ViaGalicia, foi o encargado de seleccionar a estes mellores proxectos que pasan agora á fase de aceleración na que, durante un período de seis meses, no Centro de Negocios do Parque Empresarial Porto do Molle (Nigrán), contarán co apoio dun experto equipo de titores e mentores para axudarlles a consolidar as súas iniciativas empresariais. Ademais, cada proxecto recibirá o financiamento que necesite segundo as súas necesidades nesta fase, até 125.000 euros de financiamento a cada proxecto.
A sexta edición finalizará coa celebración do Investors Day, xornada na que defenderán os seus proxectos fronte a empresas, colaboradores e fondos de investimento externos.

PUBLICIDADE