As aplicacións empresariais das tecnoloxías XR centraron unha xornada na UVigo

martes, 3 de maio do 2022 S. P.

A Escola de Enxeñaría Industrial do Campus de Vigo acolleu este venres 29 de abril unha xornada sobre a aplicación das tecnoloxías disruptivas no ámbito dos procesos industriais. En concreto, o miolo da actividade foi a transformación do tecido industrial cara a un escenario 4.0, un proceso que segundo destacaron os participantes, implica múltiples procesos de automatización, dixitalización, aplicación de Intelixencia Artificial ou conectividade. Neste proceso, as tecnoloxías XR (que engloban a Realidade Virtual, Aumentada e Mixta), tamén están a ter un peso cada vez máis destacado, xa que permiten, por exemplo, a creación de prototipos en 3D, probas inmersivas de produtos, monitoraxe en remoto, formación virtual dos operarios, etc.
Para analizar todas as posibilidades que estas tecnoloxías emerxentes ofrecen ao sector industrial e avaliar o xeito de implantalas de xeito sustentábel e eficiente nas empresas, a Escola de Enxeñería Industrial da UVigo acolleu un seminario impartido por Arsoft e no que participaron tamén outras compañías que xa contan con experiencia no uso de tecnoloxías XR nos seus procesos industriais, como Sonovision, Navantia e Cidaut, que expuxeron os seus casos de éxito.
O encargado de dar a benvida ás persoas participantes foi Juan Pardo Froján, o director da EEI, que agradeceu a colaboración das empresas para poñer celebrar este evento e recalcou o compromiso do centro para achegar as novas tecnoloxías, coñecementos e avances á súa comunidade universitaria.
A primeira parte da xornada centrouse en afondar nas tecnoloxías XR e as súas aplicacións, da man de Santiago González, director executivo (CEO) de Arsoft. O responsábel da empresa comezou por explicar que as tecnoloxías de realidade estendida (tecnoloxías XR polas súas siglas en inglés) son todas aquelas que “crean contornas e obxectos xerados por ordenador e permiten unha experiencia inmersiva mediante a cal as persoas usuarias se mergullan nun mundo virtual ou interactúan cunha extensión deste”.
Dentro deste concepto, engadiu, englóbanse a Realidade Virtual, a Realidade Aumentada e a Realidade Mixta. A primeira ofrece unha inmersión completa nun mundo virtual mediante o uso de gafas que non permiten ver a contorna que está arredor. A segunda, pola súa banda, “é todo o contrario", explicaba González, xa “que permite a visualización de capas virtuais superpostas sobre o mundo real mediante un dispositivo móbil ou unhas gafas”. Por exemplo, grazas a esta tecnoloxía, apuntaba, “podería ver a todas as persoas da sala co seu perfil de Linkedin superposto”, é dicir, “segues vendo a realidade pero con información virtual que a complementa”. Finalmente, a mixta implica “ir un paso máis aló, un avance da tecnoloxía de Realidade Aumentada”, na que os elementos virtuais están perfectamente integrados na contorna e permiten interactuar. Por exemplo, explicaba, “podería estar dentro dun avión e as gafas estarían recoñecendo o avión e explicando determinados procesos”. Estas tecnoloxías, engadía, “están avanzando moi rápido e mesmo estanse deseñando lentes de contacto con pixels integrados para empregar en lugar das gafas”.
O responsábel de Arsoft tamén explicou as utilidades e aplicacións de cada unha destas tres tecnoloxías no eido industrial. Así, a Realidade Virtual está moi presente na industria e emprégase para adestramento, capacitación e formación “pola cantidade de cartos que aforran as empresas” ao non ter que desprazar formadores nin material, como prototipos de vehículos ou maquinaria, para formar os técnicos nos diferentes procesos.
No que se refire á aplicación da Realidade Aumentada, as vantaxes radican en que permite ter acceso a información de forma instantánea, situando datos sobre os obxectos reais de forma que se poidan aumentar a información sobre eles.
Pola súa banda, a Realidade Mixta está empregándose en procesos de inspección, nos que as gafas ademais permiten rexistrar información en tempo real, “sen ter que anotar en papel que, por desgraza, é o estado actual das cousas na maioría das industriais”.

PUBLICIDADE