As aplicacións e a biotecnoloxía, eixes dos equipos gañadores dos INCUVI-Emprende (Campus de Vigo)

xoves, 26 de marzo do 2015 Redacción

A cuarta edición dos Premios INCUVI-Emprende resolveuse os días pasados e esta semana colleu pulo coa incorporación das iniciativas gañadoras aos tres campus da UVigo: o Campus de Pontevedra (cos seus catro proxectos xa en marcha), o de Ourense (con outras catro iniciativas recibindo enerxías na Preincubadora da Tecnópole) e o de Vigo, con seis novas empresas buscando o seu camiño no INCUVI da Cidade Universitaria. Respecto a estas últimas, as start-ups que collerán impulso en Vigo, dicir que ocuparon oficialmente os seus postos na incubadora de Vigo e que pertencen a eidos como a biomedicina, a asesoría forestal, o desenvolvemento de aplicacións e mesmo o achegamento das tecnoloxías á infancia de xeito lúdico.
Segundo explica a Universidade, alén dun espazo no que medrar, as novas iniciativas recibirán formación, asesoramento e a posibilidade de compartir experiencia con outros emprendedores e emprendedoras, “para que así podan converter os seus proxectos en realidades”. As gañadoras e gañadores desta edición dos premios, amais de gozaren dunha subvención sobre os custos da estadía nos espazos INCUVI de Cidade Universitaria, recibirán un teléfono fixo e outro móbil, un dispositivo de web, un bono formación de 1.000 euros para cada compoñente dos proxectos e asistencia gratuíta a cursos organizados por diferentes entidades empresariais.
Unha destas seis propostas é Diente de Tiburón, achega por Stefan Stefanov, Nina Yarovenko, Rafael Pardo e Alejandro Ámez. Trátase dunha iniciativa que ten o seu alicerce nunha patente orixinada na Universidade de Vigo e baseada no dente de quenlla para o seu uso como produto biomédico en tratamentos odontolóxicos e maxilofaciais.
Tamén ocupa o seu sitio en INCUVI a nova empresa Apps que non cambian, de Xavier Mouriño, unha iniciativa que salienta a “posibilidade de obter contactos para poder dar a coñecer no ámbito público os nosos produtos”, aplicacións web para facilitar a vida das persoas, que por exemplo, queren facer o Camiño de Santiago ou saber como coordinar diferentes alternativas de transporte público.
Impulsar o que se coñece como sociedades de fomento forestal ou promover que os propietarios se unan para xestionar as parcelas da maneira o máis eficiente posíbel é o punto de partida de outra das propostas, Soforest, unha iniciativa de Pilar Larrán, á que acompañará a súa irmá estudante de Ciencias Económicas e Empresariais. Segundo apuntan, un dos principais retos que afrontan é convencer aos propietarios e propietarias duns terreos, “aos que é posíbel darlles outros usos”, comentan.
Pola súa banda Jonathan Rodríguez, promotor de Chatty Hive, informou que coa súa aplicación desenvolvida xa nun 80% pretende con esta iniciativa “cubrir un oco agora existente no caso de redes sociais para fomentar a comunicación sobre temas de interese, poñendo o acento precisamente nos temas sobre os que se conversa e non nos perfís das persoas que participan”.
Por último, Vigocorre e RobotyLab, promovidos por Sergio García e Alberto Álvarez, respectivamente, apóianse directamente no desenvolvemento de aplicacións de software e no achegamento das tecnoloxías a nenas e nenos: ese será o seu cometido principal. No no primeiro caso trátase dunha app específica para corredores “e coa que ofrecemos servizos como rexistros de percorridos ou plans de exercicio físico”, explica García, e o segundo consiste nun proxecto que se pon en marcha coa idea de facer chegar as novas tecnoloxías ao mundo infantil da forma máis lúdica, “a través de obradoiros e actividades e tamén a través dunha comunidade virtual”, sinala Álvarez.

PUBLICIDADE