As andainas virtuais polas parroquias de Vedra xuntaron preto de 20.000 visualizacións

mércores, 29 de decembro do 2021 S. P.

O campo da festa de Sarandón

O Concello de Vedra fixo balance da actividade xerada polo programa V12. De parroquia en parroquia, unha iniciativa para achegar novas alternativas de lecer ante as restricións ao movemento derivadas da pandemia. O programa, cuxo miolo orixinal foron as andainas organizadas polas parroquias para permitir á veciñanza que coñecese a fondo os tesouros do seu concello, tivo que ser adaptado á realidade da pandemia coa axuda das novas ferramentas dixitais. En conclusión organizáronse andainas virtuais a través da canle municipal en Youtube, con pequenos vídeos que explicaban o patrimonio das 12 parroquias de Vedra e co fin de permitir que as persoas interesadas fixeran os percorridos pola súa conta, “sen medo aos contaxios”.
O Concello explica que “os vídeos foron formulados dunha maneira informal, coa técnica en turismo do Concello, móbil en man ao máis estilo youtuber, percorrendo e explicando os recursos patrimoniais e turísticos do concello, coma se ela mesma fora paseando co grupo”.
Os audiovisuais fóronse publicando cada venres nas redes sociais do Concello e cada mes fóronse adicando a unha parroquia. Ademais, as rutas foron temáticas tratando en cada un dos diferentes territorios de Vedra unha cuestión diferente, vinculada á historia, a arte, as tradicións ou as asociacións, etc. Por exemplo, en Santa Cruz a visita centrouse na camelia e na música, pola importancia que ten está planta no Pazo de Ortigueira, e pola tradición musical que hai mesta parroquia grazas a Banda de Música. Porén, en moitos vídeos participaron os veciños, así en Sarandón falouse de viño e pesca e os protagonistas dos vídeos foron dous dos fundadores da Festa do Viño, que falaron da primeira festa fai xa 40 anos. En San Mamede foron os xogadores, actuais e históricos do Club, cos seus máis de 50 anos de historia, os que tomaron a palabra.

A ponte de Ximonde

En total, achegáronse finalmente 51 vídeos. En palabras do Concello, “serviron para dar a coñecer o patrimonio e para poñelo en valor, xa que moitas veces, é precisamente o que temos máis cerca o que non coñecemos, e polo tanto non valoramos”.
Amais, rexistráronse preto de 20.000 visualizacións e cada vídeo tivo de media 350 visualizacións. Estas cifras foron moi destacadas polo Concello, que se ben recoñece que son baixas se as comparamos coas que moven os principais influencers e youtubers, salienta ao mesmo a importancia dun proxecto que foi creado para a veciñanza de Vedra, cuxas parroquias teñen unha media de 400 habitantes, polo que o impacto do programa V12 “só pode ser cualificado de éxito”.

PUBLICIDADE