As análises do noso potencial tecnolóxico no eido sociosanitario achegan bos agoiros

luns, 21 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Ricardo Capilla, Mar Pereira e Manuel Varela, durante a presentación do mapa TIC

A Xunta presentou este luns un catálogo da innovación galega en materia de sanidade e/ou de actividades dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas dependentes, con diversidades funcionais ou, por calquera circunstancia, en risco de exclusión social. O catálogo, chamado Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia no Ámbito Sociosanitario, vén da man da Secretaría Xeral de Modernización, quen subliñou na súa estrea que estamos perante o primeiro recurso destas características elaborado en todo o ámbito estatal. Os seus usos, sinala a Xunta, son múltiples e variados, pero para salientar algúns dos máis inmediatos diremos que é un diagnóstico da nosa capacidade tecnolóxica. En consecuencia, valeralle ao Goberno galego para “orientar de maneira axeitada as políticas públicas de pulo ao sector”. En total, rexístranse 162 proxectos desenvolvidos por grupos de investigación, centros tecnolóxicos e empresas ao longo dunha década.
A maior parte dos proxectos, máis dun terzo, insírense no eido das solucións ligadas á historia clínica electrónica ou ao deseño de sistemas de información para a xestión sanitaria. Con todo, tamén hai unha importante presenza de proxectos de consulta, atención e diagnóstico a distancia (telemediciña, teleasistecia e telemonitorización de pacientes).
Entre as conclusións que se tiran deste labor de reconto, inclúese a seguinte: temos potencial de abondo para impulsar grandes iniciativas que melloren a calidade dos servizos sanitarios e faciliten a súa substentabilidade.
O mapa foi presentado este luns pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla e o director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Varela. Xuntos coincidiron en que o aliñamento dos plans estratéxicos que lidera cada un dos departamentos que representan (Axenda Dixital de Galicia, o I2C, e a Estratexia do Sergas) redundará nun importante pulo á calidade dos servizos públicos a través do desenvolvemento tecnolóxico. Haberá tres eixes de actuación:
- Deseño das tecnoloxías precisas para o futuro definindo a demanda tecnolóxica de xeito anticipado.
- Orientación das políticas de financiamento da Xunta cara as necesidades de futuro “apoiando aos diferentes axentes na captación de investimento externo”.
- Posta en marcha de accións dirixidas a levar a investigación ao mercado.
A maiores do devandito, o Mapa identifica 16 grupos de investigación, repartidos entre as tres universidades galegas; tres centros tecnolóxicos: Gradiant, CESGA e CITIC; e as empresas, un total de 24 das que 16 son pequenas e medianas empresas (pemes) e 8 grandes empresas. “Cómpre destacar que os grupos de investigación do ámbito sociosanitario representan arredor dun 20% do total de grupos de investigación e o persoal que os integra supón preto do 30% do persoal galego en tecnoloxía”, sinalou Modernización. Amais das conclusións citadas, o catálogo achega outras valoracións de interese. Para a Xunta, é importante ter en conta que detrás deste potencial está entre outras cousas o apoio financeiro do Goberno Galego. “En 2009”, informa, “a Xunta subvencionou 15 proxectos tecnolóxicos do ámbito sociosanitario que mobilizaron un importe de 2,3 millóns de euros; en 2010 foron 19 as iniciativas subvencionadas que suman un orzamento total de 5,5 millóns de euros entre capital público e privado”.

PUBLICIDADE