As actividades conmemorativas arredor de Lois Pereiro, polo miúdo na Rede

xoves, 24 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

O blog sobre Lois Pereiro posto en marcha por Algueirada ten nova feitura

Din que o tempo contribúe as cousas no seu sitio. E tamén a Rede. Só así se explica a intensa actividade que se está a despregar na Internet galega co obxectivo de reivindicar a figura de Lois Pereiro, un dos nosos mellores poetas e, malia todo, practicamente un descoñecido até hai ben pouco entre boa parte dos seareiros das letras da nosa terra. Á posta en marcha de loispereiro.blogaliza.org (se cadra o primeiro espazo específico do autor monfortino, o vindeiro protagonista do Día das Letras Galegas) e de Mundo Lois (completo achegamento á tráxica figura de Lois, morto moi novo polas consecuencias do mal da colza), cómpre engadir agora as importantes melloras e ampliacións que se están a levar a cabo no primeiro blog e os preto de mil seareiros do espazo específico no Facebook.
O blog, posto en marcha para servir de plataforma de difusión de todo o que se publica e se organiza arredor do poeta monfortino, é tamén un emprazamento fixo para tódalas persoas que queiran afondar na traxectoria de Pereiro. A páxina, que presenta outro formato con respecto á feitura da que dimos conta no verán, achega novas sobre o autor e contidos ampliados acerca da súa vida presentados en diferentes formatos: gráficos e audiovisuais (poemas, fotos e gravacións de audio e vídeo). Por certo que estes contidos son de utilización libre para usos non lucrativos.
Asemade, informan os responsables da páxina (Algueirada), permítese a subida de ficheiros elaborados tirando proveito do material libre, para logo seren descargados ou divulgados. Tamén se incorporou un calendario para dar conta das (moitas) diferentes actividades conmemorativas arredor do poeta, moi útil de cara á vindeira celebración do Día das Letras, que ten a achega Pereiro como alicerce básico. A todo isto hai que engadir o grupo de Facebook de seareiras e seareiros do autor galego (e que ten un milleiro de persoas inscritas), amais do colectivo habilitado en Twitter. O blog que nos ocupa foi desenvolvido por Algueirada coa colaboración da Consellería de Cultura.

PUBLICIDADE