As Xornadas de Marketing de Cidades afondarán na promoción en liña dos espazos urbanos galegos

mércores, 9 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

O departamento de Análise Económica e Administración de Empresas da Universidade da Coruña desenvolve entre hoxe e o venres 11 as quintas Xornadas de Marketing de Cidades na Facultade de Ciencias Económicas, no Campus de Elviña. O alicerce destes encontros, malia que non teña que ver de xeito estreito coa temática desta web, si que toca a cuestión tecnolóxica a través de conceptos como cidades virtuais ou promoción de espazos urbanos físicos a través de Internet (cada vez máis, a mellor plataforma para promover calquera cousa, e está claro que unha cidade non é xa unicamente edificios e persoas, senón espazos en liña).
O caso é que nestas xornadas participarán persoeiros de renome no eido da comunicación e a publicidade en liña, como Laurentino Bello Acebrón, catedrático de Comercialización e Investigación de Mercados ou Valentín A. Martínez Fernández, profesor titular de Comercialización e Investigación de Mercados, ámbolos dous coordinadores deste ciclo de relatorios. O obxectivo dos organizadores: afondar nos conceptos e ferramentas do marketing de cidades e coñecer as achegas máis recentes sobre a creación dunha marca de cidade, analizando as experiencias específicas doutros espazos urbanos. Non en van, o subtítulo das xornadas é Imaxe, reputación e valor de marca.
O acto de inauguración será mañá ás 10:00 horas e intervirán Henrique Tello, primeiro tenente de alcalde da Coruña, e Gustavo Rego, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UDC.

PUBLICIDADE