As Xornadas de Ilustración Urbana de Santiago envórcanse na Rede

luns, 26 de outubro do 2020 S. P.

O Concello de Santiago vai celebrar en formato virtual as súas tradicionais Xornadas de Ilustración Urbana, tal e como anunciou este luns 26 a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, quen, acompañada do deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, e da organizadora das Xornadas, Gemma Sesar, fixo saber que a plataforma elixida para o desenvolvemento destes encontros (co seu programa de faladoiros e entrevistas cos artistas máis destacados do panorama estatal da devandita disciplina) é a plataforma Zoom. A cita celébrase o 7 de novembro.
As Xornadas de Ilustración Urbana son unha actividade organizada polo Concello de Santiago de Compostela, co apoio da Deputación da Coruña. Moderadas nesta edición por Maru Godas, darán comezo coa artista María Herreros na sesión das 12.00 horas, seguida de Catalina Rodríguez, que indagará sobre os seus cadernos de viaxe dos camiños de Santiago e de Kumano. A mañá rematará cunha conversa sobre a exposición Xirarei, comisariada por Fausto Isorna para o Auditorio de Galicia e que se clausurou o pasado mes de setembro.
Para as sesións da tarde contarase cunha entrevista a Pablo Rosendo, que achegará aos asitentes ás sendas de Ons, seguida dunha conversa de Luis Ruiz Padrón sobre ilustración e xornalismo. Pechará as xornadas a súa moderadora, a artista Maru Godas.
O público poderá interactuar cos ilustradores a través do chat, que responderán en directo ás súas preguntas.

PUBLICIDADE