As Vision Pro de Apple chegarán ao mercado estadounidense o 2 de febreiro

luns, 8 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O visor de realidade estendida de Apple presentado o pasado mes de xuño por fin ten unha data de lanzamento nos EE.UU., cando está previsto que as primeiras unidades estean dispoñibles nas tendas o 2 de febreiro, abríndose o período de reserva o 19 de xaneiro.
O novo trebello, que funcionará co sistema operativo visionOS, promete unha revolución ao achegar ao público o que Apple chama computación espacial, e que facilitará novas experiencias grazas a unha interface de uso tridimensional e a posibilidade de interactuar mediante a voz, as mans e incluso a mirada.
Aínda non está moi claro o tipo de uso que o público dará a este tipo de dispositivo, pero Apple está a orientalo inicialmente á produtividade (de xeito que o usuario pode colocar pantallas virtuais ao seu redor para poder mudar considerablemente os seus fluxos de traballo) e ao lecer (permitindo o consumo audiovisual en pantallas virtuais de grande tamaño con posibilidades estereoscópicas e incluso ofrecendo posibilidades de xogo). De feito, o propio iPhone está a prepararse para poder gravar contidos estereoscópicos que logo poidan reproducirse no visor con volume, polo que podemos entender que Apple confía en conseguir trunfar onde fracasaron estrepitosamente os televisores 3D.
O visor ofrecerase con distintas configuracións de bandas de fixación, e incluso coa posibilidade de incorporarlle lentes con fixación magnética para que as persoas con problemas de visión poidan gozar das experiencias de realidade estendida (aínda que tal complemente terá un prezo de até 149 dólares).
As Vision Pro terán un prezo de venda de 3.499 dólares (sen impostos) con 256 GB de almacenamento, e polo momento só estarán dispoñibles nos EE.UU., descoñecéndose se chegarán oficialmente a Europa en 2024 (dependerá en boa medida de se o fabricante é capaz de satisfacer a demanda do mercado estadounidense, algo que semella que será complicado, ante as dificultades de fabricación dun produto tan complexo).

PUBLICIDADE