Factura electrnica

Deputacin de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

As Universidades de Vigo e la República compartirán contidos multimedia online

xoves 19 de maio do 2011, por Raquel Noya | | Compartir | |

A boa acollida que tivo a canle de televisión online da Universidade de Vigo, UVigo.tv, cando se puxo en marcha hai un par de anos (superando o millón de vídeos vistos nos primeiros meses de vida), fixo que esta entidade académica, lonxe de conformarse con quedar estancada neste proxecto pioneiro, apostara por seguir innovando e mellorando a súa ferramenta audiovisual para abrirse camiño alén das nosas fronteiras.
A súa entrada en iTunes U como pioneira entre as universidades de fala hispana e o desenvolvemento da plataforma PuMuKIT, entre outras iniciativas, demostraron que a Universidade de Vigo tiña “ganas” de converterse en referente internacional, algo que definitivamente vén de acadar grazas á sinatura dun convenio de colaboración coa Universidade de la República, de Montevideo.

JPEG - 231.7 KB
A sinatura do convenio realizouse a través de videoconferencia

Este acordo, asinado a través de videoconferencia polo reitor, Salustiano Mato, ten como finalidade crear un repositorio universitario uruguaio de vídeos a través da devandita plataforma PuMuKIT, desenvolvida por UVigo.tv.
“Este é un xeito máis de internacionalizarnos, de poñer os nosos coñecementos a disposición de comunidades universitaria de todo o mundo”, explica Salustiano Mato, que coincide co reitor da que é a universidade máis importante de Uruguai, na vocación de facer máis públicas as universidades públicas.
Segundo puidemos ler no xornal en liña da Universidade galega, DUVI, Rodrigo Arocena apostou por un progreso que “poña freo ás desigualdades, por sumar esforzos entre universidades para que todo o mundo poida acceder á educación superior” e para iso, tanto as experiencias como as técnicas son importantes.
O obxectivo deste acordo é colaborar no desenvolvemento de proxectos de investigación, no intercambio de materiais académicos e no fortalecemento das relación entre ambas institucións, para potenciar a xeración e uso dos contidos audiovisuais online como recursos para a docencia.
Asemade, segundo achega o DUVI, este acordo vai na mesma liña que o asinado o pasado mes de febreiro co Consorcio Ecuatoriano para o Desenvolvemento de Internet Avanzado, CEDIA, de Ecuador, para exportar a tecnoloxía desenvolvida por UVigo-Tv, e dar soporte audiovisual a 26 universidades deste país latinoamericano.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS