As TIC forman parte dos convenios formalizados pola Consellería de Emprego e os clúster galegos

mércores, 5 de abril do 2023 S. P.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) informa este mércores 5 de abril sobre a sinatura de nove convenios de colaboración asinados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade cos clústeres e entidades representativas de nove sectores económicos galegos para a impartición de formación adaptada ás necesidades do tecido produtivo. Un dos convenios, formalizado co Clúster TIC, porá o foco nas novas tecnoloxías da información.
Cun investimento que supera os 3,3 millóns de euros, asináronse acordos cos clústers do sector naval galego (ACLUNAGA); da automoción (CEAGA); das enerxías renovables (CLUERGAL); do sector do metal (ASIME); e das TIC (Clúster TIC); coa Federación Galega de Comercio; coa Fundación Laboral da Construción; coa Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG); e coa Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2). A actuación permitirá a formación de máis de 7.500 persoas desempregadas e ocupadas a través duns 285 cursos. Estes nove sectores, xunto co primario e o de función loxística, demandan formación especializada para dar resposta ás vacantes laborais e, por iso, nestes ámbitos é prioritaria a formación para a cualificación e recualificación da poboación activa.
A Consellería destaca que moitos destes sectores “teñen un carácter relevante na transición verde e dixital pola que se está a apostar no actual contexto socioeconómico”. A formación nestes ámbitos resulta “prioritaria por dotar ás persoas desempregadas e ocupadas das competencias precisas que aumenten as súas oportunidades de traballo”, explica o departamento da Xunta.

PUBLICIDADE