As TIC copan boa parte dos proxectos gañadores de INCUVI-Emprende

venres, 17 de marzo do 2017 Redacción

A sexta edición dos premios INCUVI-Emprende, convocados pola Universidade de Vigo para impulsar nos seus campus a innovación e o emprendemento tecnolóxico, xa ten os seus gañadores. Os nomes das 12 iniciativas emprendedoras escollidas (que pasarán o vindeiro ano nas instalacións de incubación dos tres campus) foron desvelados este xoves. En total houbo 23 finalistas, pero o proceso de escolma deixou a cifra final nunha ducia de proxectos: seis do Campus de Vigo, catro de Ourense e dous de Pontevedra, ademais de dous accésits, un en Vigo e outro en Pontevedra. As novas tecnoloxías e a contorna dixital foron novamente o nexo común de practicamente todas as propostas (aplicacións móbiles, plataformas de traballo en rede, economía de cooperación en liña). Entre as boas novas desta edición figuran o incremento importante da participación feminina, xa que dos 38 proxectos que se presentaron en total, o 42,5% viñan da man de mulleres. De feito, entre os gañadores tamén se mantén unha situación case de equidade, con 12 homes e 11 mulleres.
Seis novos emprendedores para Vigo
Nas instalacións da pre-incubadora do Campus de Vigo, situada na Cidade Universitaria, os seis proxectos gañadores disporán durante un ano dun ecosistema de crecemento e maduración das súas ideas. Entre os seleccionados hai propostas de moi diferentes eidos, dende as redes sociais e a economía colaborativa a propostas máis tanxíbeis relacionadas coa construción ou o sector alimentario.
Bursay-Language & Digital Services é unha das ideas seleccionadas, unha axencia dixital de expertos lingüísticos para tarefas de tradución, corrección e redacción de textos en galego. Os seus promotores, Yasmina Figueroa e Rubén Pérez, egresados de Filoloxía e Tradución, explican que Bursay combina servizos lingüísticos e dixitais e “como expertos neste eido somos conscientes da urxente necesidade de mellorar o estatus do galego, tanto traballando con el como ofrecendo servizos de mellora de calidade e prestixio”.
No contexto tecnolóxico está DIBLEO - Networking Community, unha rede social de emprendemento universitario que crea relacións de networking entre profesionais que actúan como mentores e mozos e mozas emprendedores.
Polo que atinxe a WCube, trátase dun espazo virtual para exhibir arte contemporánea impulsado por un estudante da EE Industrial e unha egresada de Belas Artes, coa finalidade de crear “unha galería virtual” para achegar á mocidade mediante unha contorna dixital a arte contemporánea.
Sapere Vedere é a proposta de José Martínez para a transformación de produtos cárnicos con orixe no porco celta, mentres que Unidade Tintométrica Móbil, idea de Andrés Valga, aposta polo uso dun vehículo para trasladar os medios necesarios para a comparación de tonalidades e elaboración da pintura á porta do taller. Completa o grupo de gañadores vigueses o proxecto Tiny House, centrado na fabricación e venda de casas construídas sobre remolques. Tamén se entregou un accésit en Vigo a Slick. Cambiemos el Fitness.
Catro novas ideas empresariais destino Ourense
Impulsada por Melanie Sol, Nutrición Integral en Tu Empresa é unha das catro ideas gañadoras. “O meu proxecto consiste nun programa de benestar global para as empresas, a través do que se detectan necesidades puntuais dos empregados da organización e se ofrecen solucións estratéxicas para que melloren a súa calidade de vida”, explicou Sol, ex-alumna do Máster en Nutrición.
Impulsada por Eva Robledo, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, outra das iniciativas gañadoras é Ridesport, unha plataforma en liña de economía colaborativa que ten como finalidade o turismo deportivo, poñendo en contacto viaxeiros con residentes para que poidan practicar a modalidade deportiva que comparten.
Estas dúas iniciativas terán como veciños na preincubadora ourensá a Kuatro Marketing Digital, un proxecto de asesoramento e deseño de solucións estratéxicas e operativas de mercadotecnia dixital que optimicen a presenza en liña de calquera modelo de negocio, e OuVIr, que se centra en xerar unha acción transformadora para as persoas con diversidade funcional de todo tipo, dende cognitiva a intelectual e persoas en situación de dependencia, ofrecendo asistencia persoal.
Dous proxectos sobre novas tecnoloxías gañan en Pontevedra
E de Ourense a Pontevedra, Needin e Mediación Móvil son os dous proxectos gañadores con destino ás instalacións de AJE Pontevedra, e xunto a eles houbo un accésit para Galewood. Needin busca crear unha plataforma virtual para facilitar o contacto entre especialistas autónomos do eido sociosanitario, por exemplo, profesionais da enfermaría, psicoloxía, avogacía, traballadores sociais, etc. con persoas que poidan precisar dos seus servizos. No caso de Mediación Móvil, os dous promotores buscan crear unha aplicación para dispositivos móbiles e unha web para ofrecer un servizo de mediación para empresas, organizacións e particulares que precisen resolver conflitos.
INCUVI Avanza para Brigantia e .beLeader
O xoves tamén se deron a coñecer as dúas iniciativas gañadoras dos premios INCUVI-Avanza, unha convocatoria que trata de consolidar os dous mellores proxectos gañadores da pasada edición de INCUVI-Emprende, que seguirán desenvolvéndose no CITI de Ourense e no Parque Empresarial de Porto do Molle. Nesta ocasión os seleccionados foron Brigantia e .beLeader, outorgándose tamén un accésit para MycoGalicia. Brigantia é un espazo onde crear e desenvolver programas e actividades que promovan a igualdade e o respecto polo medio ambiente, avivar un lecer e tempo libre saudábel fóra do consumismo, e onde promover e fomentar a lingua e a cultura galega. .beLeader é unha solución web orientada ao turismo de baixo custe.

PUBLICIDADE