As TIC coparon a maioría das compras e reservas relativas ao turismo en Pontevedra

mércores, 5 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra deu a coñecer o seu informe sobre o comportamento da provincia en materia turística no mes de agosto. Entre os datos máis salientábeis, no balance sinálase que a provincia acadou no devandito mes un 87% de ocupación hostaleira. Segundo fixeron saber a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, a devandita cifra achega un novo récord en materia de atracción de visitantes. Tamén sinalaron que entre xaneiro e xullo chegaron á provincia 742.392 visitantes e que Internet é o medio a través do que se informan e xestionan a maior parte das súas compras e reservas. Ademais, fixeron fincapé na valoración que acadou o destino: 4,69 puntos sobre 5.
A presidenta da Deputación de Pontevedra resaltou especialmente os datos relativos á “importancia que ten Internet como medio de reserva e de información”, e asegurou que “de aquí ao verán de 2019 a revolución que imos facer nas TIC vai ser total e absoluta”. Nun plano máis detallado, Silva fixo saber que “o destino da provincia está a vivir importantes cambios no relativo ás novas tecnoloxías, contemplados no Plan Estratéxico de Turismo, que nos permitirán confirmar novidades nos vindeiros meses”, novidades entre as que se inclúe o proxecto Tourist Inside, que impulsará a aposta por modernizar os recursos turísticos dos concellos e lograr que as TIC acaden un grande papel na promoción e na compra de paquetes de viaxes, “xa que o futuro do sector pasa por elas”, sinalou.
Carmela Silva lembrou que as TIC son moi importantes en especial para o turismo estranxeiro e que precisamente a internacionalización é un dos obxectivos prioritarios marcados no Plan Estratéxico de Turismo. “É un turismo moi interesante que se move polos motivos que nós queremos promover, de alta capacidade adquisitiva, que consume moito e que se move durante todo o ano”, explicou.

PUBLICIDADE