As TIC como motor de desenvolvemento, a debate en Santiago

mércores, 21 de maio do 2008 Raquel Noya

Ineo, a Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, está a celebrar, no marco dun proxecto de cooperación co IGAPE, unha xornada na que se dá a coñecer a situación actual do sector TIC a nivel nacional e internacional a partir dos estudos, experiencias e consellos de empresas e entidades de relevancia do sector.
O acto ofrece asemade a posibilidade de coñecer as ferramentas estratéxicas que actualmente están a desenvolver con éxito as empresas TIC no camiño da apertura a outros mercados ao tempo que promove a cooperación entre o sector tecnolóxico de cara a interactuar con outros sectores a través da presentación das actividades do proxecto de Ineo: Cooperación para o desenvolvemento de mercados sectoriais.
O proxecto vai encamiñado á obtención dunha metodoloxía e dunha serie de ferramentas que faciliten a integración e o desenvolvemento de produtos entre empresas para cubrir necesidades presentes e futuras doutros sectores e doutros mercados a nivel nacional e internacional.
A inauguración do acto tivo lugar ás 9:30 horas desta mañá na Sede da CEG en Santiago de Compostela da man do presidente de Ineo, Jorge Cebreiros Arce e do Secretario Xeral da CEG, Fausto Santamarina.
Clausurará a xornada o Director Xeral do IGAPE, Álvaro Alvarez-Blázquez.

PUBLICIDADE