As TIC acaparan parte dun gasto cultural por fogar que non para de reducirse

mércores, 26 de febreiro do 2014 Redacción

O Observatorio da Cultura Galega, pertencente ao CCG, vén de avaliar a evolución do gasto cultural dos fogares galegos. O informe, en xeral e como era de agardar, achega datos negativos. Para comezar, ocupamos o sexto lugar pola cola do Estado en materia de desembolso medio por familia en bens e servizos culturais, e todo nun contexto xeral xa de por si decrecente (toda España é unha curva que baixa). Entre 2006 e 2012 os fogares galegos reduciron o dito gasto nun 15,9 % até os 646 euros deste ano. Os formatos e produtos tradicionais levan a peor parte. Pola contra, o consumo ligado ás novas tecnoloxías acapara boa parte do gastado.
Segundo informa o Consello da Cultura Galega, o 44% do desembolsado en bens e servizos culturais teñen que ver con equipos e accesorios audiovisuais de tratamento de información e Internet, tanto en Galicia como a nivel español. Asemade, os galegos temos neste apartado un gasto medio por familia de 287 euros (por persoa, 111 euros). Porén, é precisamente no grupo de investimento en Libros e publicacións periódicas onde se produce a maior redución do investido en 2012 con respecto ao 2011. En Galicia cae un 26.9%, que se traduce en 15.3 millóns de euros menos de gasto.

PUBLICIDADE