As Oculus Rift chegarán a Europa o 20 de setembro

martes, 16 de agosto do 2016 Marcus Fernández

A empresa de realidade virtual de Facebook, Oculus, vén de anunciar que o seu casco Rift vai chegar finalmente a Europa o vindeiro 20 de setembro a un prezo de 699 euros, confirmando as cadeas de tendas de Reino Unido, Francia e Alemaña que serán as primeiras en comercializar o produto, que son limitadas principalmente porque estamos ante unha solución que cómpre probar antes de mercar (principalmente para que o usuario poida comprobar se a experiencia é satisfactoria e non lle provoca malestar físico), de xeito que a meirande parte das tendas que venderán Oculus Rift contarán con postos de demostración.
Entre as cadeas que venderán o produto de Oculus figuran GAME, Fnac e Media Markt, que teñen presenza en España, polo que confíanse en que poucas semanas despois chegue tamén ao territorio español, entendéndose que este lanzamento progresivo responde tanto á dificultade de instalar puntos de demostración de realidade virtual como ante a limitación de unidades dispoñibles para a súa distribución (a entrega das reservas realizadas a primeiros de ano aínda remataron de servirse hai pouco máis dun mes).
Cómpre salientar que as Oculus Rift entréganse co xogo Lucky’s Tale e centos de demostracións, pero como sistema de control limítase a un mando de Xbox One, estando aínda pendente de comercialización a solución con detección de movementos para ambas mans (Oculus Touch), polo que podemos considerar que aínda non estamos ante unha experiencia completa desta solución de realidade virtual que na súa situación actual está bastante por detrás do seu competidor máis directo, HTC Vive, que pese a ter un prezo 200 euros superior, si inclúe os mandos para ambas mans e, ademais, pode empregarse de pé controlando tamén a posición do usuario, polo que a experiencia que achega é bastante máis completa.

PUBLICIDADE