As Notas de Instagram chegan a Europa

luns, 30 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

O pasado mes de decembro Instagram anunciou que estaba a lanzar unha nova funcionalidade chamada Notas, que consiste en publicacións de até 60 caracteres (texto e emoticonas) que podemos publicar e serán visibles na parte superior da nova bandexa de entrada de mensaxes privadas e manteranse visibles para os nosos seareiros e achegados durante 24 horas. Podemos velo como un xeito máis discreto das historias, sendo posible que os nosos seareiros respondan a estas Notas mediante mensaxes directas.
Pero como este tipo de prestacións afectan á comunicación, o que pode ter repercusións legais, non se activou simultaneamente en todo o mundo, e agora Adam Mosseri de Instagram anuncia que as Notas chegan a Europa e Xapón, convidando aos usuarios a probar esta prestación e comentar o que lles parece.
A activación comezou hoxe mesmo, pero pode tardar até un par de días en chegar a todos os usuarios europeos e nipóns.

PUBLICIDADE