As JAI chegan á súa sexta edición xuntando industria e universidade a prol da automatización

xoves, 25 de setembro do 2014 Redacción

Hai oito anos botaba a andar a primeira edición das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI) e o vindeiro mes de novembro (do 3 ao 7 deste mes) terá lugar a súa sexta edición. O encontro levarase a cabo en Vigo, e as JAI volverán servir de punto de unión de industria e universidade arredor dos novos avances en automatización. O eido da enxeñaría atoparase reunido nesta cita bianual da man do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Escola de Enxeñería Industrial. O profesor Ignacio Armesto, coordinador das xornadas, apunta que contarán con salientables empresas como: ABB, Beckhoff, Bosch Rexroth, Harting, Kepware, Kuka, MatrikonOPC, Omron, Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric, Siemens, WEG ou Wonderware. De feito, explica que contan "con máis multinacionais ca nunca, malia a crise”.
Ao longo de cinco días, cada unha delas presentará os seus últimos avances na área da automatización industrial e afondaranse en temas de actualidade como "a eficiencia enerxética, a robótica cooperativa, a impresión 3D, as aplicacións de seguridade en máquinas ou as smart factories”. Armesto engade que Universidade, empresas e institucións “seguen vendo nestas xornadas un piar formativo e informativo que axuda a relacionar o tecido industrial galego coas grandes marcas nun espazo común, así como un instrumento para coñecer as tendencias e innovacións neste sector industrial”.
Asemade, dicir que tamén estarán presentes tres centros tecnolóxicos galegos: Gradiant, Aimen e CTAG que presentarán algúns dos seus proxectos. Gradiant, levará ao Centro Social Afundación un sistema de localización en interiores e Aimen un robot que axuda nos labores de recuperación motriz de pacientes tras sufrir, por exemplo, un ictus. A Escola de Enxeñaría Industrial achegará tamén unha impresora 3D mentres que empresas como Kuka agardan poder presentar neste evento ao robot iiWA. Ademais os asistentes tamén poderán coñecer de primeira man tres robots.
Máis polo miúdo, o luns 3 de novembro dará comezo o programa, tras o acto oficial de inauguración, cun relatorio que impartirá un representante de Ence sobre a Evolución das tecnoloxías de control en plantas de celulosa. Logo, terá lugar unha conferencia da man de PSA Peugeot Citröen, que versará sobre as Car Easy Apps, desenvolvemento de aplicacións no coche conectado”. Esta xornada inaugural culminará facendo unha chiscadela ás Google Glass, na que se explicará como poden axudar aos procesos industriais da man de Itglas and Wear Technologies.
Ignacio Armesto explica que entre os temas máis senlleiros desta edición está a robótica colaborativa, que permite que robots e humanos traballen xuntos na cela de fabricación, sen valados de protección, xa que achegan sensores que impiden accidentes. Outros dos temas serán as enerxías renovables e as tecnoloxías de mobilidade e a súa aplicación á industria, como por exemplo o coche conectado.
Engadir, por último, que o prazo de matrícula está aberto até a celebración das xornadas, que se retransmitirán en directo por UVigoTV.

PUBLICIDADE