As JAI 2024 xa teñen data de celebración e festexarán os seus 20 anos de existencia

luns, 27 de novembro do 2023 S. P.

As JAI (Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial) estarán de aniversario o vindeiro ano, dúas décadas unindo o mundo profesional e o universitario, e será Vigo o escenario deste 20 aniversario. Deste xeito, a cidade olívica será o epicentro da automatización, a robótica e a dixitalización industrial, xa que as JAI 2024 terán lugar na mesma semana de novembro na se celebren outras dúas citas de alto nivel no eido da automatización industrial: o 6º AER Summit, organizado por AER Automation (Asociación Española de Robótica y Automatización) e unha reunión técnica da sección española de ISA (International Society of Automation), que se levarán a cabo no campus.
Xa se coñecen as datas da JAI 2024, serán entre o 4 e o 8 de novembro, como anunciaba a semana pasada en Valencia (no marco do 5º AER Summit) o profesor da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo e impulsor das JAI, José Ignacio Armesto.
Malia que falta aínda un ano para a celebración das JAI, a organización ten xa pechada a sesión plenaria, que será impartida polo cirurxián Diego González Rivas, especializado no tratamento do cancro de pulmón, entre outras patoloxías, en hospitais de máis de 100 países. Nas JAI explicará en que consiste a súa “revolucionaria técnica Uniportal, que permite operar dentro da cavidade torácica a través dunha pequena incisión empregando cirurxía toracóscopica ou cirurxía robótica”. Na actualidade, o doutor González Rivas está inmerso nun novo proxecto en Shanghai co robot Shurui, o máis avanzado do mundo.
Facendo un repaso ás JAI, as súas orixes están no ano 2004 e teñen unha periodicidade bienal. Nadas a xeito de foro de reunión de empresas do sector co alumnado e co profesorado, as JAI teñen vontade de dar a coñecer as últimas tendencias e novidades nos ámbitos da automatización, dixitalización e robotización industrial.
A evolución foi evidente: na primeira edición participaron cinco multinacionais, na última foron 35. “Se contabilizamos o total de firmas que impartiron conferencias nalgunha edición do evento ao longo destes 20 anos, supérase a centena, o que para un evento de carácter universitario non deixa de ser, na miña opinión, sorprendente”, salienta Armesto. Ademais, as JAI contan tamén cunha zona expositiva, con demostradores dalgunhas das tecnoloxías presentadas no evento, unha parte do evento na que en 2022 se deron cita 40 firmas do sector. “Mirando a evolución do evento con perspectiva, creo que podemos afirmar que serve como modelo, como caso de éxito, para expoñer outras iniciativas similares no ámbito universitario. Sen dúbida, un factor clave está relacionado cun dos meus lemas favoritos: "a unión fai a forza".
Logo de 20 anos e dez edicións, a contorna tecnolóxica industrial ten evolucionado moito. Aínda que as tecnoloxías de base son as mesmas e equipamentos como os autómatas programábeis, os sistemas de control distribuído ou os robots industriais seguen moi presentes nos escenarios industriais, “estes incorporan cada vez máis tecnoloxías de vangarda como a Intelixencia Artificial, a aprendizaxe profunda, o internet das cousas, a realidade virtual ou aumentada, etc”.

PUBLICIDADE