As JAI 2010 deron acubillo a máis de 800 asistentes

luns, 22 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Finalmente foron 150 profesionais e máis de 800 asistentes en xeral os que acudiron á cuarta edición das Xornadas sobre Automatización Industrial celebradas en Vigo a semana pasada, as JAI 2010. As xuntanzas, coordinadas un ano máis polo profesor Nacho Armesto, serviron para “deixar patento que o futuro do tecido empresarial galega pasa polas automatizacións”, sinálase na web da Universidade. Isto significaría entre outras cousas un meirande peso da tecnoloxía ao servizo dos procesos das empresas, o que segundo os asistentes ás JAI redunda nunha mellora da produtividade e das condicións laborais dos traballadores a tódolos niveis. Cara a isto apuntou Nacho Armesto nunha entrevista recente con Código Cero e cara isto movéronse participantes nas xornadas como por exemplo Pierre Ianni, director xeral de PSA Peugeot-Citroën. Ao seu xuízo, “hai que desterrar a idea de que a automatización resta postos de traballo”.
No caso concreto da empresa que dirixe, cómpre sinalar que na década dos 70 tiña dous robots, e agora ten máis de 1.800, xunto con mil autómatas que serven para fabricar máis, pero tamén para xerar emprego, sinalou.
Polas xornadas que organizou a Universidade de Vigo no Centro Social Caixanova tamén pasou Teresa Pisano, delegada do Estado na Zona Franca, quen tamén lanzou a súa opinión persoal sobre as vantaxes dos procesos e equipamentos tecnolóxicos ao servizo das industrias: “A automatización achégalles ás empresas un elemento de competitividade extraordinario en Europa e axuda a facer fronte a economías emerxentes nun intre no que as firmas teñen que afianzar a súas posición no mercado”.
A maiores de todo isto, as JAI incluíron este ano máis de 30 horas de relatorios, moitos deles respondendo polo miúdo aos obxectivos das xornadas: establecer a meirande colaboración posible entre as empresas e os centros de formación de onde xorden os futuros integrantes desas empresas e, sobre todo, os futuros responsables da súa innovación. Falamos das universidades. A xuízo de Nacho Armesto, impulsor das JAI, a cuarta edición destes encontros deixou claro que se está a falar, e moito, destes encontros a tódolos niveis da I+D europea. Só deste xeito se explican circunstancias como o apoio incondicional de empresas como a galega Castrosúa, Fanuc, Kuka Robotics, Schneider, a devandita PSA, Logitec, Wonderware, Rockwell Automation, Siemens, Phoenix, Imatia, Beckhoff ou Bosch, entre outras compañías da robótica e a vangarda innovadora.

PUBLICIDADE