As Illas Atlánticas reivindican os seus tesouros nunha experiencia interactiva de realidade virtual

luns, 17 de xullo do 2023 S. P.

A Xunta colabora nunha experiencia interactiva a través da cal os visitantes do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia poderán gozar este verán de paseos virtuais baixo o mar. Deste xeito, permitiráselles coñecer en profundidade a fauna e a flora que agochan os fondos deste espazo natural.
A actividade comezou esta fin de semana na illa de Sálvora (Ribeira), pero desenvolverase en distintas datas de xullo e agosto nos catro arquipélagos que integran o parque.
Concretamente, as persoas interesadas puideron gozar da experiencia O mar en 360º na illa de Sálvora esta fin de semana; en Ons do 20 ao 23 de xullo e do 17 ao 20 de agosto; en Cíes do 27 ao 30 de xullo e do 3 ao 6 de agosto; e en Cortegada do 26 ao 27 de agosto.
Trátase dunha iniciativa totalmente gratuíta, pero require de inscrición previa presencial o mesmo día da visita nas propias casetas informativas do Parque Nacional.
As sesións diúrnas están pensadas para grupos de catro persoas ás que se lles facilitarán gafas de Realidade Virtual ou tabletas para poder gozar dunha experiencia de inmersión sen necesidade de meterse na auga.
Ademais, o paseo virtual irá acompañado dos comentarios dunha especialista que axudará a interpretar en tempo real as imaxes e achegará información sobre a riqueza, a biodiversidade e as características dos fondos das Illas Atlánticas e a importancia da súa conservación.
Polo que respecta aos pases nocturnos, a dinámica será diferente xa que están pensados para proxectar nunha pantalla instalada no peirao de Rodas ou na propia praia, dependendo das condicións meteorolóxicas, imaxes submarinas captadas tanto en directo como en diferido.
A iniciativa, que recibiu unha das axudas da Xunta para actividades na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional financiadas con fondos Next Generation, está deseñada pola cooperativa galega 13 graos, especializada en educación ambiental para a divulgación do medio mariño e que se encargará de dirixir a actividade.
En canto ás visitas virtuais, serán posíbeis grazas ao uso de ROVS (drons submarinos controlados por operador) capaces de transmitir en tempo real as imaxes do fondo do mar que van captando ao longo do seu percorrido, polo que permite que calquera persoa poida achegarse desde terra firme e de forma minimamente invasiva ás paisaxes e á biodiversidade dos fondos mariños das Illas Atlánticas.

PUBLICIDADE