As Google Glass poderían pasar a funcionar con procesadores de Intel

luns, 1 de decembro do 2014 Redacción

Mentres dá a impresión de que as lentes de Google perderon o seu pulo, deixando de acaparar novas e expectación por parte do público, parece que este tecnoloxía aínda ten moito camiño por diante, e dende The Wall Street Journal están a dar conta de que Google chegou a un acordo con Intel para que subministre o seu procesador principal, abandonando o de Texas Instruments.
Polo momento non está claro de que a vindeira actualización das Glass poida gozar dos novos procesadores (pois incluso continúan os rumores que apuntan a que o produto podería non chegar a ver a luz comercialmente), pero que Google empregará tecnoloxía de Intel para os seus wearables parece un feito consumado, e os esforzos de Intel neste ámbito tamén son evidentes, parecendo que teñen claro que estamos ante un sector emerxente no que paga a pena innovar. Segundo o Wall Street Journal Intel axudaría a Google a levar as súas solucións wearables a redes hospitalarias e fabricantes, á vez que axudarían a desenvolver novos usos de Glass para contornos laborais (para os que aínda non está moi clara a súa aplicación).

PUBLICIDADE