As Cíes acollen esta fin de semana a terceira xuntanza de Couchsurfing Vigo

venres, 21 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

As Illas Cíes seguen a dar que falar dende o punto de vista tecnolóxico. Por que motivo? Pois porque son un destino turístico de primeira orde, e hoxe en día os turistas xeran coñecemento e información a esgalla nas redes sociais (viaxes con pegada) e, polo tanto, demandan maneiras axeitadas de comunicárense. Das Cíes temos falado con motivo dos recoñecementos en liña ás súas praias, dos proxectos web para documentalas e amosalas ao mundo ou da recente proposta para habilitar Wi-Fi no arquipélago galego. Agora é o intre de falar doutra actividade a desenvolver nas Cíes que tamén nos toca de preto: a xuntanza que preparan Couchsurfing Vigo e máis os responsábeis da guía turística para móbiles ePocketGuide. A III Internacional Cíes Island Meeting celébrase entre este venres 21 de xuño e o domingo 23.
Trátase do terceiro encontro organizado pola primeira das entidades, un colectivo que promove a práctica do couchsurfing, que é unha iniciativa que consiste no intercambio de aloxamento con persoas non coñecidas de antemán, que contactan a través das redes sociais. “A maioría de membros desta rede de viaxeiros”, informa o colectivo vigués, “teñen en común a súa mentalidade aberta, a súa paixón por viaxar e a súa arela por coñecer xente nova”. Desta volta, os participantes contarán cunha importante novidade: a presenza e apoio dos responsábeis de ePocketGuide, a aplicación para móbiles intelixentes, que ofrecerán de balde unha guía con rutas para o evento. Segundo engade o colectivo vigués, os dous encontros previos nas Cíes tiveron “unha espectacular acollida, con máis de 150 persoas de máis de 50 países”. A aventura dará comezo este venres 21, coincidindo coa noite máis curta do ano. Ao longo destes tres días haberá diferentes actividades de lecer, entre as que se inclúe un acto poético, O Son da lúa chea, da man de Marcos de la Fuente Almagato; un recital acústico, Solsticio de Verán, obra de David Regueiro e unha clase maxistral de ioga, impartida, durante o lusco e fusco do sábado, por Óscar Fontán.
En 2011, este evento situouse entre os 10 máis concorridos do mundo, informan os organizadores, que nos lembran que a rede de couchsurfing conta xa con arredor de 6 millóns de persoas situadas en 100.000 cidades diferentes do planeta.
Como dixemos, os seareiros das viaxes contarán coa aplicación para móbiles intelixentes, ePocketGuide, que combina unha axencia de viaxes cunha guía turística no teléfono. Con ela, infórmase, poderán coñecer mellor e respectar a contorna turística das Cíes, levar a cabo rutas de sendeirismo e coñecer outras paraxes da contorna como o Cabo Home ou a Praia de Samil. A aplicación está dispoñíbel tanto para iPhone como para Android. Nela non só hai guías da contorna de Cíes senón das principais cidades do país. Todas elas pódense descargar gratuitamente até o 1 de xullo a través da AppStore de Apple ou do Google Play de Android.

PUBLICIDADE