As Cancelas lanza unha aplicación para iPad e iPhone con toda a información da súa actividade

venres, 5 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

Xa non vale a máxima de que se non estamos na Internet non existimos. En realidade, non é que non vala, é que non abonda. Vivimos uns tempos nos que a Sociedade da Comunicación vai connosco a onde vaiamos, e, queirámolo ou non, xa non admitimos de boas a primeiras que as empresas ou entidades que nos interesan nun intre concreto non nos axuden a atopar información útil e inmediata sobre elas. O centro comercial As Cancelas, decididamente, quere estar cos seus clientes nos seus smartphones, e faino a través dunha aplicación para iPad e iPhone, presentada e lanzada este venres, con tódolos datos relativos á súa actividade como centro comercial e ás firmas ás que dá acubillo. Achégase, dato a ter en conta, en castelán e tamén en galego. Esta vontade de apostar pola nosa lingua amosa un cambio de rumbo na empresa que non podemos deixar de celebrar, logo duns primeiros pasos que a dirixían cara a outro rumbo.
A dita ferramenta, por certo, pode descargarse na App Store ou na propia web do complexo comercial compostelán. A idea, en palabras da dirección de As Cancelas, “é permitir que os usuarios destes trebellos teñan ao alcance da súa man as novidades do maior centro comercial de Santiago de Compostela: eventos e promocións das súas tendas favoritas e acceso directo ás súas páxinas web; novas, calendario e horarios das actividades que programa o centro durante toda a semana, e toda a información útil sobre o centro comercial, como os mapas de situación dos diferentes establecementos, calendario e horarios de apertura, rutas de autobús ata As Cancelas e outros datos de interese.” Ademais, a nova app permite o acceso directo ás redes sociais do centro para participar nos numerosos sorteos e concursos que realiza cada semana As Cancelas en Facebook. Por certo que para quen use Android, dicirlle que a versión para o seu trebello estará dispoñíbel, arestora atópase en proceso de desenvolvemento e, tanto esta modalidade coma as outras, irán medrando progresivamente en utilidades nos vindeiros meses, co fin de “facelas cada vez máis funcionais e prácticas para os clientes”.
Lembrar que o novo complexo comercial compostelán foi inaugurado recentemente e é un dos de meirande envergadura da nosa terra: conta máis de 50.000 metros cadrados distribuídos en tres andares. No andar baixo sitúase un hipermercado Carrefour xunto con outros locais ocupados por firmas de recoñecido prestixio. O primeiro andar, informa o centro comercial, acubilla firmas de moda e complementos e no segundo encóntranse oito salas de cine “e unha ampla e atractiva oferta de locais de ocio e restauración”. As Cancelas dispón de 2.150 prazas de aparcadoiro gratuítas e tres liñas de autobús urbano chegan ata o centro: a C2, a C4 e a C11.

PUBLICIDADE