As Adegas Marqués de Vizhoja estrean nova web

xoves, 3 de decembro do 2015 Redacción

As Adegas Marqués de Vizhoja (Arbo, Pontevedra) veñen de estrear nova web. O sitio, deseñado e programado por Xosé Teiga Studio, salienta en boa medida polo coidado posto no compoñente visual e, tamén, no labor despregado para converter a páxina nunha páxina de uso común (estará actualizada de continuo). A nova web tamén destaca por achegar unha navegación sinxela e intuitiva para facilitar ao máximo o contacto das adegas coa comunidade internauta. Achégase, a maiores, un amplo abano de información sobre a empresa e os seus produtos e sobre a contorna xeográfica na que se empraza (patrimonio e recursos da zona que, en palabras dos responsábeis da adega, “son os acenos de identidade da nova web corporativa”).
Un dos obxectivos desta remodelación dixital, segundo nos conta Jorge Peláez, propietario e director da firma, é conseguir que a presenza en liña das adegas sirva “non só para comunicar quen somos e que facemos, senón tamén onde estamos, de onde vimos e cara a onde queremos ir; unha xanela aberta ao exterior que permita que cada un dos navegantes coñeza o traballo que realizamos na Moreira, como coidamos as nosas viñas e como elaboramos os nosos viños, pero tamén cal é a historia que os muros do noso Pazo A Moreira atesouran”.
A maiores, búscase que a nosa web poida contribuír como unha ferramenta máis á divulgación das Rías Baixas, do Condado do Tea e da cultura vitivinícola.
Como dixemos, os traballos de deseño e programación foron levados a cabo nos últimos meses polo estudo pontevedrés dirixido por Xosé Teiga, en colaboración con Roberto Treviño, director fotográfico da última campaña da adega.

PUBLICIDADE