Arteixo Telecom presentará o seu adaptador ultra-rápido en CeBIT 2010

xoves, 25 de febreiro do 2010 Raquel Noya

A última creación de Arteixo Telecom, o novo adaptador ultra-rápido para a creación de redes locais desenvolvido e fabricado pola firma galega, que vén de estar presente no CES de Las Vegas, vai ser presentado na meirande feira de tecnoloxía que se organiza anualmente en Europa, a CeBIT 2010, que este ano terá lugar en Hannover (Alemaña) do 2 ao 6 de marzo.
Esta será a primeira vez que un produto de Arteixo Telecom estea presente na CeBIT, onde participa co seu partner tecnolóxico, Gigle Networks, e onde poderá mostrar as vantaxes do seu produto estrela, o cal ofrece unha velocidade de conexión de ata 1 xigabit por segundo en capa fisica.
Esta capacidade de conexión unida ao feito de que emprega como medio para a distribución do sinal a rede eléctrica permítelle acceder a servizos de Internet, televisión de alta velocidade, música ou xogos, así como a outros servizos de entretenemento dende calquera punto do fogar ou da oficina, sen necesidade de cableado adicional.
Este dispositivo, baseado no sistema PLC (Power Line Communications), supera a velocidade de conexión de outras solucións similares actualmente dispoñibles no mercado, e ó o primeiro adaptador deste tipo que se desenvolve e fabrica integramente en España e, máis concretamente, en Galicia.
Aporta, asemade, outras importantes vantaxes para o usuario, como robustez, seguridade das comunicacións e facilidades de uso, xa que os adaptadores detéctanse e configúranse con só enchufalos.
Segundo afirman dende a compañía, o adaptador “foi concibido para cubrir as esixencias da vindeira xeración de redes multimedia domésticas”, e así llo demostrarán ao público que visite a CeBIT 2010.

PUBLICIDADE