Arteixo Telecom aposta por ampliar o contacto co cliente coa súa nova web

mércores, 23 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Arteixo Telecom vén de remodelar a súa presenza na Rede, e faino co obxectivo de reforzar a finalidade primeira da mesma: a de establecer comunicación firme, completa e fluída con usuarios, colaboradores e provedores. A nova web, que segundo a empresa galega emprega a tecnoloxía “máis avanzada para acadar a excelencia en calidade e servizo ao cliente”, servirá tamén como porta de entrada á plataforma de xestión de proxectos implantada na compañía. Con esta plataforma, engaden fontes da empresa con sede nas Pontes, os clientes de Arteixo Telecom poderán levar a cabo un estreito seguimento, en tempo real e dende calquera recanto do mundo, dos proxectos en marcha. “Melloraranse así”, engade a firma, “a comunicación, a eficacia e os prazos de resposta”.
A ferramenta en cuestión, por certo, é froito da estratexia seguida por Arteixo Telecom a prol de ofrecer “os métodos de xestión máis avanzados, e supón un paso máis cara ao obxectivo da excelencia no servizo que pon a disposición dos seus clientes”.
A web xorde como consecuencia lóxica das novidades de innovación e de espallamento internacional anunciadas hai uns días pola empresa e reflectidas neste medio, novidades que tamén teñen que ver coa arela da máxima transparencia na información, de aí que se incrementaran os datos incluídos sobre as diferentes liñas de actividade da compañía, as súas instalacións, os sectores para os que fabrica equipamentos e sistemas e os produtos deseñados con tecnoloxía propia. No que atinxe á feitura mesma da páxina, sinalar que se poñen en xogo recursos audiovisuais, que segundo informa a compañía serven en boa medida para amosar “a súa potente infraestrutura industrial, salientando a capacidade para cubrir o ciclo completo do produto: deseño, desenvolvemento, industrialización, fabricación, control de calidade e servizo post-venda”.
Desta maneira explica Jacobo Penide, director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocio, o obxectivo da web: “A posta en marcha do novo sitio é un paso máis na nosa política de impulsar o perfil innovador da compañía, o que nos servirá para reforzar a posición en sectores nos que somos líderes, como o ferroviario ou o sociosanitario e, amais, orientarnos cara a novos nichos de mercado, como a seguridade ou a eficacia enerxética para o fogar, o edificio intelixente, as comunicacións dixitais multimedia de alta capacidade e as solucións profesionais para operadores de telecomunicación”.

PUBLICIDADE