Arroutada Party pecha a súa XVI edición con máis de 1.200 visitantes

martes, 13 de outubro do 2009 Raquel Noya

O maratón informático Arroutada Party, que este ano celebrou a súa décimosexta edición no Coliseum da Coruña, pechou as súas portas onte á tarde logo de concitar o interese de preto de 1.200 persoas das que 600 permaneceron no interior do recinto ao longo dos últimos catro días.
Deste xeito, mentres que o resto dos habitantes do país dedicaron a ponte a pasar o tempo coa familia ou descansando do estrés acumulado ao longo dos últimos meses, os participantes desta party, unha das máis importantes de Galicia, non dubidaron en achegarse á Coruña e dedicar preto de 80 horas a conectarse con outros equipos para “descargar, compartir e disfrutar”, sen apenas descanso.
Ao longo de catro intensos días de descargas, xogos, competicións, concursos e intercambio de contidos, os participantes, chegados na súa maioría de Galicia, Castela e León, Asturias, Valencia, Aragón ou o País Vasco, tamén tiveron tempo para relacionarse e debater temas de actualidade dun xeito distentido e respetuoso, sempre cun chisco de bo humor e desenfado.
Segundo apunta Carlos Pastoriza, o actual vicepresidente da Asociación da Mocidade Informática Galega (AMIGA), colectivo sen ánimo de lucro que organiza esta party dende o ano 1995, “todos e todas as participantes responderon de xeito totalmente responsable”, algo moi importante de cara á celebración de outra edición deste evento, que a organización xa está barallando.
“Cando empezou a Arroutada Party”, continúa Pastoriza, “as metas eran divulgar a informática entre persoas que non tiñan nin idea e xuntábanse para compartir conectividade, algo que non podían facer desde as súas casas. Agora as posibilidades de acceso ás Redes son rápidas e máis baratas que naqueles anos iniciais, pero, a pesar diso, seguimos querendo encontrarnos para intercambiar información e para divertirnos”, engade.
Pese ás dificultades económicas que supón a organización dun evento destas características (o presuposto desta edición de Arroutada rondou os 24.000 euros), os membros deste colectivo xa están a pensar na seguinte edición de Arroutada Party, “con algunhas variacións”, indican, “como o cambio de datas, o traslado do maratón ó mes de agosto, o traslado do Coliseum á Expo Coruña, a organización dunha feira de videoxogos”…
Nesta edición, os organizadores contaron coa colaboración dalgunhas empresas e institucións que prestaron o seu apoio ao éxito do acontecemento. Entre os organismos e institucións públicas destacan as concellarías de Cultura e de Xuventude do Concello da Coruña, IMCE –empresa que xestiona o Coliseum-, a Facultade de Informática, a Deputación, e os representantes do ámbito empresarial informático como Cisco System, Microsoft – Xbox 360 e Coca Cola.

PUBLICIDADE