Arrincan os novos cursos TIC do Concello de Lugo

luns, 9 de marzo do 2020 Redacción

O Concello de Lugo vén de informar do comezo dos cursos de capacitación dixital organizados pola área municipal de Novas Tecnoloxías. As actividades, de carácter gratuíto, estanse a desenvolver durante o mes de marzo con obradoiros para abondar no manexo dos teléfonos móbiles e na iniciación á informática para persoas maiores. Celébranse no Centro de Novas Tecnoloxías emprazado no casco vello lucense.
Así, dende este luns 9 e até o 13 de marzo, en horario de 17:00 a 19:00 horas, terá lugar un obradoiro destinado a usuarios de todas as idades que queiran sacar maior partido ao seu teléfono móbil e no que resultou imprescindíbel, para participar, acudir cun smartphone.
Da mesma maneira, nesta mesma xornada e até o venres 27, desenvolverase un obradoiro de iniciación á informática para persoas maiores de 55 anos. A formación comezaba esta mañá e nas dúas actividades completáronse as 15 prazas que había dispoñíbeis e, segundo confirmou o Concello, “mesmo houbo que habilitar listaxe de agarda para vindeiras edicións”.
A área de Novas Tecnoloxías tamén lembra que durante o mes de marzo continuarán tamén as titorías tecnolóxicas os sábados 14 e 28, de 17:30 a 19:00 horas, dirixidas á veciñanza que precise aclarar algunha dúbida sobre diferentes cuestións relacionadas coas novas ferramentas, os seus usos, as súas posibilidades e as opcións laborais que brindan.
As veciñas e veciños poden apuntarse nas mesmas ate o día anterior á súa celebración, ben de xeito presencial, a través do teléfono 982.29.73.77 ou no correo electrónico novastecnoloxias@lugo.gal.

PUBLICIDADE