Arrinca o primeiro seminario en liña sobre ecommerce do programa Autónomos Dixitais

luns, 14 de xuño do 2021 S. P.

Estes días arrincou o primeiro seminario dixital 4 claves para un negocio online, abeirado ao programa Autónomos Dixitais da Consellería de Emprego e Igualdade. A iniciativa, que contou coa participación da directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, enmárcase nas medidas específicas que o Goberno galego está a adoptar para facer fronte á COVID-19 “debido ao incremento do comercio electrónico nas etapas de confinamento da poboación”.
A directora xeral destacou na apertura da actividade a importancia das canles en liña coma “aliadas para os pequenos negocios no estalido da actual pandemia”. Lado declarou que contar cunha plataforma de comercio electrónico “permite ás persoas traballadoras autónomas e ás pemes darse a coñecer dentro do enorme mundo da Internet” para acadar deste xeito, remarcou, unha igualdade dentro do actual mercado nun contexto onde a actividade empresarial pola Rede segue a medrar, cun 72% de cibernautas entre 16 e 70 anos en España que tiran proveito dela como principal canle de compra.
O programa Autónomos Dixitais foi presentado o pasado mes de maio pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, con 1200 participantes na primeira edición e que se dirixe a catro perfís: o da mocidade (menores de 30 anos); mulleres; persoas entre 31 e 44 anos e autónomos que tiveron que pechar o seu negocio como consecuencia da COVID-19; e, tamén, as persoas traballadoras autónomas maiores de 45 anos.
Cada perfil consta de dous cursos gratuítos en formato dixital: un básico sobre fundamentos do comercio electrónico e outro avanzado para a especialización no ecommerce. Cada curso consta de 50 horas de formación e ao remate os alumnos e alumnas recibirán un diploma de aproveitamento.

PUBLICIDADE