Arrinca o curso de ofimática avanzada de Compostela Monumental

luns, 8 de marzo do 2021 S. P.

Alumnas do programa Integrado de Emprego de Compostela Monumental do ano pasado realizando as probas o curso de forma presencial

A Asociación Compostela Monumental iniciou a semana pasada unha nova sesión de teleformación do seu Programa Integrado de Emprego 2020/21, no que participan 100 alumnos, homes e mulleres sen traballo, que a patronal do centro histórico formará, orientará e asesorará ao longo deste ano. Trátase do Curso de Ofimática Nivel Avanzado, onde os/as participantes, mediante a formación online (implantada co obxectivo de garantir a seguridade e evitar posíbeis contaxios), aprenderán todo o referente ao uso de software ofimático.
Tamén poderán adquirir os coñecementos, capacidades e aptitudes no ámbito das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) necesarias para manexarse eficazmente na xestión de datos e documentacións en xeral. En total, 25 horas lectivas que finalizarán o próximo día 18 deste mes.
Este novo programa Integrado de Emprego de Compostela Monumental prolongarase ao longo de todo o ano 2021 e máis en concreto até o 15 de novembro. O obxectivo mínimo marcado de inserción é do 45%. Esta acción de Compostela Monumental conta coa colaboración da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE