Arrinca o Xuventude Galiza Net máis agardado

venres, 3 de abril do 2009 Raquel Noya

A primeira hora desta mañá, os internautas máis impacientes por estrear as novas instalacións que acollen o XGN deste ano, o Multiusos Fontes do Sar, iban chegando cargados cos seus equipos informáticos, ben ao lombo (os menos) ou ben con carros da compra (a maioría deles), para conectarse o antes posible á Rede e aproveitar ao máximo o xigabit de velocidade que ofrece a organización nesta edición.
Case todas as persoas inscritas este ano (un total de 1.800 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos) fixeron a súa entrada nas instalacións da party con certo nerviosismo e moita emoción, a mesma que cabería agardar dun grupo de mozos e mozas que levan un ano enteiro esperando volver a reencontrarse.
Coxíns, almofadas, mantas, bebidas isotónicas, pasteliños industriais... tampouco podían faltar este ano no Xuventude Galiza Net e adivíñanse entre as pertenzas dos usuarios no medio de USBs, discos duros externos e todo tipo de dispositivos nos que poder levar “todo o material que se poida”.
Susana veu “a facer amigos e amigas coas mesmas afeccións que ela”, Xosé “para descargar películas e música”, Pablo “para competir en liña con outros usuarios”... e así poderiamos seguir enumerando as razóns que traen a cada internauta a esta xuntanza anual (tantas como usuarios e usuarias hai inscritas) pero todos e todas, sen excepcións, coinciden en afirmar que “veñen para vivir de novo unha experiencia única”, que se fai posible grazas aos 40.000 metros de cable dos que dispoñen e ás actividades que a organización ten previstas para este ano, e que se achegan ao detalle na web oficial do XGN.

PUBLICIDADE