Arrinca en formato online a 15ª edición de Galiciencia

mércores, 9 de decembro do 2020 Redacción

Este 9 de decembro abriu as súas portas a 15ª edición de Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa terra e que busca achegar a ciencia á sociedade, en particular a estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. A feira, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, veu co lema A innovación do futuro e cun formato online, podéndose seguir en directo a través do Youtube de Tecnópole e da web www.galiciencia.online. Conta co apoio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu a benvida telemática aos máis de 3.000 rapaces de toda España participantes nesta edición.
“Este ano Galiciencia 2020 é diferente porque nada é igual desde que comezou a pandemia. Toca adaptarse a esta realidade e por iso a maior feira científica de Galicia reinventa o seu formato e presenta a súa primeira edición cen por cen en liña, todo un reto para Tecnópole, que ao longo destes meses realizou un gran traballo para trasladar esta feira ao mundo dixital e abrilo a moitos máis participantes tamén fóra de Galicia”, salientou o presidente, dirixíndose ás e aos participantes para lembrarlles que “hoxe os protagonistas sodes vós, rapaces e rapazas dos centros de ensino de Galicia e do resto de España, que aproveitades a oportunidade que Galiciencia vos ofrece para achegarvos á ciencia dunha maneira diferente á que se fai nas aulas, xogando e competindo con seguridade para ver cales son os mellores proxectos”. Segundo engadiu, “o éxito desta convocatoria está asegurado porque a resposta da comunidade non puido ser mellor, con máis de 3.000 estudantes inscritos”.
A feira comezou cun grande espectáculo de ciencia no que os participantes tiveron a oportunidade de coñecer cales serán as tecnoloxías máis innovadoras no futuro. Achegáronse á Intelixencia Artificial, á Realidade Aumentada e Realidade Virtual, á neurociencia e mesmo á ciberseguridade e ao mundo hacking ou pirateo informático. Houbo demostracións en directo e os rapaces, desde os seus centros educativos, tamén realizaron os seus propios experimentos seguindo as indicacións dos divulgadores científicos, cos que puideron interactuar.
Os rapaces puideron coñecer se as súas contas foran hackeadas, desenvolveron experimentos de recoñecemento de imaxe… e fixeron karaoke a través dun xogo de simulación. Tamén se celebrou a final do desafío Atrévete coa innovación do futuro, na que os grupos participantes tiveron que facer fronte a unha serie de retos vencellados coa innovación. En concreto, resolveron enigmas, retos criptográficos e diversos xogos para poder facerse co premio final, un kit con material tecnolóxico.

PUBLICIDADE