Arrinca a segunda fase da Iniciativa Xabarín co foco posto na programación audiovisual estatal

xoves, 15 de xullo do 2021 S. P.

A Mesa comunicou o inicio da segunda fase da Iniciativa Xabarín, destinada a garantir a presenza equitativa do galego na programación audiovisual do Estado español (con vistas ao proxecto de lei xeral de comunicación que está a elaborar o Goberno central e que se presentará nos vindeiros meses), poñendo o foco nas novas plataformas e nas aplicacións móbiles.
Representantes da Mesa pola Normalización Lingüística e de entidades culturais e educativas presentaron este 15 de xullo en Compostela a campaña Queremos galego no audiovisual, coa que arrinca a segunda fase da Iniciativa Xabarín, referendada xa con máis de 33.000 sinaturas e co acordo unánime do Parlamento galego.
Como lembraremos, a proposta da Mesa esixía na súa orixe aumentar a grella infantil de calidade nas canles da CRTVG- garantir o acceso a todos os contidos audiovisuais en liña con opción dobrada e lexendada, así como asegurar informacións e audiodescricións en galego. Neste sentido, ademais de promover os acordos do parlamento galego coas produtoras e distribuidoras de contidos, a Inicativa Xabarín instaba a que a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual "recoñecese a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe, e audiodescricións nas canles e plataformas lineais ou baixo demanda”.
A Mesa pola Normalización Lingüística enviou o pasado 10 de xullo as alegacións correspondentes á Lei Xeral de Comunicación Audiovisual á Secretaría de Estado de Telecomunicacións solicitando “o recoñecemento da pluralidade lingüística como principio básico; o estabelecemento dunha porcentaxe idéntica ao castelán nos contidos mínimos en galego e nas outras linguas cooficiais tanto para televisión como plataformas dixitais como Netflix, HBO, Disney+ ou Prime Video e mais no deber de financiamento antecipado a obra audiovisual europea; a incorporación do galego e das outras linguas cooficiais nos subtítulos, dobraxes e audiodescripcións, nos mesmos contidos que o castelán; a consideración da lingua galega como contido de interese xeral en audio ou texto escrito (dobraxe, subtítulos, audidescricións); que webs e outras interfaces de comunicación dixital coa persoa usuaria ou cliente incorporen as linguas oficiais; e asegurar o cumprimento do artigo 42 da Iniciativa Xabarín, que permita a reciprocidade con Portugal a través do estabelecimento de dúas canles múltiplex para Galiza”.
En relación á demanda de dobraxe e lexedanxe por parte de TVE, tamén incluída na Iniciativa Xabarín, a Mesa pola Normalización dirixiuse en tres ocasións tanto á anterior directora xeral de RTVE, Rosa Mª Mateo, como ao actual, José Manuel Pérez Tornero, para informalos do desenvolvemento da campaña da iniciativa Xabarín e para solicitar un encontro onde concretar a proposta da Mesa e do Parlamento galego, aproveitando ademais que se fan 50 anos da delegación de TVE en Galiza. A Mesa critica a este respecto a actitude da dirección estatal de TVE, que non deu resposta ningunha e que mostrou “unha actitude absolutamente descortés e de falta de respecto tanto á maior organización non gobernamental de defensa do galego como ás 33.000 persoas asinantes da iniciativa”. O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que dos 25.872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua.

PUBLICIDADE