Arrestan aos responsables de Series.ly

xoves, 16 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Axentes da Policía Nacional arrestaron aos tres administradores de Series.ly, páxina web sobre películas e series de televisión da que estiman que o seu beneficio económico que xeraba superaba os 600.000 euros en tres anos que se obtiña a través de publicidade, contas premium e venda de puntos de fidelidade, procedendo estes ingresos de usuarios de España, Reino Unido, Estados Unidos, Alemaña, México, Chile, Finlandia, Suíza e Ecuador.
As investigacións que levaron a tal operación parte da denuncia interposta polas principais produtoras cinematográficas e compañías distribuidoras videográficas contra os responsables da mencionada web por un delito contra a propiedade intelectual por facilitar o acceso e a descarga sen autorización de obras audiovisuais protexidas, o que resulta bastante sorprendente se temos en conta que a páxina web en discordia eliminou as ligazóns a contidos protexidos o pasado mes de decembro e transformouse nunha plataforma social para adaptarse á nova lexislación española.
Cando na actualidade visitamos Series.ly, podemos atopar novas e incluso un inmenso catálogo de series de televisión e películas, pero en vez de facilitarse xeitos irregulares de acceder aos mesmos mediante descarga ou streaming, achéganse ligazóns para a súa compra en liña.

Actualmente Series.ly ofrece ligazóns para a adquisición legal de películas e series de televisión


ACTUALIZACIÓN: A información subministrada polo Ministerio do Interior sobre a detención dos responsables de Series.ly parece ser falsa, e non tería sido practicada nas últimas horas (como dá a entender a nota de prensa do ente gobernamental), senón que tal e como explican os responsables de Series.ly nun comunicado, as actuacións policiais terían lugar o pasado 17 de xuño, cun rexistro da Policía Nacional das oficinas da compañía, a detención dos administradores para a toma de declaración e a súa posta en liberdade.
Tamén aseguran que aínda hoxe descoñecen quen interpuxo a denuncia contra eles, nin teñen información sobre o presunto delito do que se lle acusa. De feito, sosteñen respectar sempre a lei, como quedou constancia cando a primeiros de ano mudaron a súa páxina web para adaptarse á lexislación española. Engaden que darán máis información cando dispoñan da mesma, e confirman que continúan a traballar con normalidade nos seus proxectos.

PUBLICIDADE