Arrestado un internauta que ameazou en Twitter con facer estoupar un aeroporto

luns, 18 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Hai quen pasa toda unha vida ou boa parte dela practicando o terrorismo e non só non atopa freo á súa actividade, senón que mesmo hai quen lle chama xefe de estado ou algo semellante. No outro extremo hai quen pode chegar a ter en conta a idea de levar a cabo algún tipo de ataque social e non só hai quen lle pon freo senón que mesmo acaba na cadea. A este último grupo semella pertencer o home británico que, segundo The Next Web, foi arrestado polo delito de ter feito unha brincadeira en Twitter. A orixe de toda historia, cóntase na dita web e reflíctese en Bitelia, está nas nevaradas que afectaron hai uns días ao Reino Unido e que mantiveron pechado algún que outro aeroporto.
Pois ben, tendo en conta que con este peche as probabilidades de amolar a algún que outro usuario disparáronse, o internauta posteriormente arrestado decidiu comentar o caso no Twitter e, de paso (xa que a Rede tamén favorece a liberdade de expresión), ameazar con facer anaquiños o aeroporto se non se abría.
Sete días despois, o usuario da dita rede social foi posto a disposición da xustiza, logo de a policía do país non atopase nas súas declaracións as típicas mostras de carraxe que se fan cando uns plans saen mal, senón algo máis delictivo e sospeitoso. O caso é que a concorrencia do internauta perante as autoridades, malia térselle dado liberdade baixo fianza, desencadeou que fose despedido do seu traballo. Con todo, a investigación non está pechada e as dúbidas o que hai de realidade na ameaza aínda non foron cen por cen resoltas, aínda que todo apunta a un exceso (e ben grande) de celo.
O caso está arestora a suscitar debates na Rede sobre até onde chega a liberdade de expresión na Internet e até que punto atopan seguimento calquera das moitas cousas sen importancia (ou iso cremos nós) que deixamos rexistradas. Segundo se conta en Bitelia, as mensaxes de Twitter que seguen o ronsel da devandita semella que foron sometidas a un proceso xeral de borrado.

PUBLICIDADE