Arredor do 80% dos habitantes da Mariña contan xa con acceso de calidade á Internet

martes, 6 de marzo do 2012 Redacción

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou esta mañá que arredor do 80% dos habitantes da comarca da Mariña contan xa con acceso á internet de calidade, de cando menos 2 Mbps de velocidade. Arias indicou que “en zonas de dispersión xeográfica como algúns concellos desta comarca, nos que grazas as actuacións incluídas neste plan se multiplicou por cinco e ata por seis a porcentaxe de poboación con acceso de calidade a rede de redes”.
Neste sentido, destacan os casos de concellos como os de Alfoz, A Pontenova, Lourenzá ou Xove, nos que dunha cobertura conxunta que abarcaba ao 20% da poboación se chegou neste momento a unha cobertura que abrangue a preto do 80% dos veciños deses catro concellos.

Raquel Arias visitou o Roadshow de Xove

Para o caso da Mariña, Arias indicou que esta mellora de cobertura débese aos despregamentos de redes fixas (ADSL) e redes sen fíos (3G) do Plan levados a cabo por Telefónica. Cómpre salientar que se trata dun plan a catro anos, así estímase que ao remate do ano 2013 a práctica totalidade da poboación da Mariña Luguesa disporá de acceso ao servizo de banda larga de calidade.
Logo da comparecencia na que aportou os datos da cobertura de banda larga na comarca costeira lucense, a delegada territorial da Xunta visitou en Xove o Roadshow Movistar Galicia, a aula móbil que se achegará nas próximas semanas a media ducia de municipios da provincia de Lugo (Pol, Vilalba, Abadín, Sober, Pastoriza) e que ten por obxectivo achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural e dar a coñecer os avances do Plan de Banda Larga do Goberno galego. No acto estivo acompañada polo propio alcalde da localidade xovense, Demetrio Salgueiro.
No Roadshow Movistar Galicia os veciños da localidade poderán aprender a través de distintas demostracións como levar a cabo unha compra en liña, solicitar unha cita médica, facer uso da sede electrónica da Xunta realizar trámites coa Administración ou consultar todo tipo de información dispoñible na rede. A aprendizaxe realízase de maneira gratuíta a través dos 18 postos con ordenador cos que conta a aula móbil e está guiada en todo momento por persoal especializado de Telefónica.

PUBLICIDADE