Arredor de trinta profesionais concorreron no foro de CLAG sobre tendencias no mercado da TV
xoves, 21 de marzo do 2013
O Clúster Audiovisual
Galego (CLAG) celebrou este
mércores en Santiago un encontro destinado a avaliar as
potencialidades dos novos tipos de tecnoloxías chamados a cinguir, a
través dunha única canle, os eidos da Internet de banda larga e a
televisión interactiva. Falamos do foro Tendencias no mercado da
Televisión baseada no estándar HbbTV, no que diversos
especialistas de ámbolos dous sectores (TIC e audiovisual) avaliaron
o presente e o futuro da TV conectada en España. O presidente do
CLAG, Andrés Barbé, foi o encargado de abrir o encontro, no que
participaron arredor de trinta profesionais. Durante o foro
presentáronse os cambios que se produciron nas tendencias de consumo
audiovisual asociados ao incremento da penetración da TV conectada,
e o seu impacto no desenvolvemento de novos produtos e modelos de
negocio das empresas da cadea de valor do sector audiovisual.
O vicepresidente da
Asociación Española de Empresas de Televisión Interactiva
(AEDETI), Tomás Cid, foi o moderador da mesa redonda. Segundo Tomás
Cid, “a TV conectada está aquí para ficar”, polo
que “non se trata dunha moda pasaxeira”, anunciou. Ademais
asegurou que “no ano 2018 haberá polo menos un televisor
conectado a Internet en cada fogar”. Neste novo escenario,
adiantou que o acceso aos contidos audiovisuais poderá ser de tres
maneiras: o tradicional a canles de TV a través da canle de
radiodifusión, o acceso directo a contidos on-demand (baixo
demanda) a través da canle da banda larga, e un modo híbrido (HBB)
no que o radiodifusor poida ofrecer contidos a petición e servizos
interactivos sobre a programación tradicional. Tamén participaron
na xuntanza Francisco Asensi, director de Desenvolvemento de Negocio
na Dirección de Medios Interactivos de RTVE, e Esther Medina, xefa
da Área de Innovación e Novas Canles da CRTVG, que debateron sobre
os modelos de negocio que a TV conectada pon a disposición dos
emisores de contidos. Para Asensi, os novos costumes de consumo
puxeron nos nosos fogares un modelo de lecer multiplataforma que
chegará a un fito importante en 2015 coa consecución, máis que
previsíbel, de 500 millóns de televisores conectados en todo o
mundo. Pola súa banda, Esther Medina sinalou que “a segunda
pantalla abrirá novas oportunidades de crear produtos transmedia,
permitirá altos grados de segmentación e incrementará o tempo de
interrelación entre anunciantes e espectadores”. Para
rematar, Darío Janeiro, director de Contidos e Publicidade
Multiplataforma en Cinfo, falou da experiencia da súa empresa e das
oportunidades de negocio neste sector para as PEME audiovisuais.
Subliñou que Cinfo está a desenvolver un proxecto, EPG Cloud, que
supón “un chimpo cualitativo no ámbito das guías de
programación e que inclúe a incorporación de información
estendida tamén para segundas pantallas”.