Arredor de 200 investigadores de Europa e América abrirán en Santiago novas canles de participación tecnolóxica

luns, 23 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

Entre Europa e América Latina, máis que nada potencialmente, hai un eixe de colaboración investigadora que require de dúas cousas: localizalo polo miúdo e reforzalo. Este pulo de innovación para si mesma require sobre todo dunha viaxe de ida e volta á Sociedade da Información. Dito doutro xeito: ir do real ao virtual para recoller o de participativo ten este eido e aplicalo de volta ao real. A aplicación deste espírito 2.0 a un encontro internacional será precisamente un dos eixes do Forum Euro-Latinoamericano de Torino, un encontro a celebrar en Santiago de Compostela entre o 1 e o 3 de abril e que conta coa Dirección Xeral de I+D en labores de patrocinio. A xuntanza, que se desenvolverá baixo o título Sistemas rexionais de innovación: da visión á realidade, reunirá a preto de 200 axentes interesados no emprego das ferramentas novas de traballo colaborativo aplicado ao rexional.
Máis polo miúdo, o Forum, sinala a Consellería de Innovación, ten como obxectivo principal convocar aos principais actores institucionais, públicos e privados dos eidos do coñecemento e a innovación tecnolóxica no desenvolvemento rexional de América Latina e Europa. Os países participantes son Castela e León e Galiza, Piemonte (Italia), Rhône Alpes (Francia), Córdoba, Mendoza e Rafaela (Arxentina), Valparaíso e Antofagasta (Chile), Santa Catarina e Minas Gerais (Brasil), Antioquía e Valle del Cauca (Colombia), Estado de Jalisco e Sonora (México).
Respecto ás temáticas a tratar durante as tres xornadas de encontros, relatorios, traballos en grupo, visitas técnicas e mesas redondas, sinalar que a idea principal é abranguer o máximo radio de acción innovadora dende un punto de vista de interese social. Deste xeito, o abano temático será amplo de abondo: Tecnoloxía para alimentos (grupo dirixido por Lorenzo Miguel Pastrana Castro, director do Centro de investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo); Enerxías renovables (grupo dirixido por Claude Graff, presidente de Tenerrdis- Francia); Xestión medioambiental (grupo dirixido por Juan M. Lema Rodicio, catedrático de Enxeñería Química da USC, e José Álvarez Díaz, presidente de SOGAMA) e Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (grupo dirixido por Giovanni Colombo, do European Institute of Innovation and Technology- Italia).

PUBLICIDADE