Arranca o obradoiro de balde sobre ciberseguridade do Concello de Lugo e Telefónica

xoves, 31 de maio do 2018

O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo vai acoller até o mes de outubro un obradoiro de balde sobre ciberseguridade para unha vintena de mozas e mozos. O curso formativo, que xa deu comezo, centrará o seu programa en capacitar aos asistentes nun tema candente, de gran proxección e moi interesante para empresas, administracións e usuarios de a pé: a protección das redes, dos sistemas e da información que acubillan. Serán cinco meses de clases presenciais. O obxectivo, en palabras do Concello, é “introducir as persoas participantes nas competencias do mundo da ciberseguridade, unha das especializacións técnicas máis demandadas entre as empresas”.
O curso sobre ciberseguridade, posto en marcha por Concello e Fundación Telefónica, iniciouse esta mesma semana na sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías.
Este obradoiro presencial desenvólvese até o mes de outubro en horario de 09:00 horas a 15.00 horas e grazas á actividade formativa, os mozos e mozas participantes adquiren coñecementos e habilidades sobre redes e sistemas, ataques a infraestruturas e hacking ético.
Segundo engade o Goberno local que preside Lara Méndez, “trátase dun itinerario formativo nexo de unión entre a demanda real das empresas e o sistema educativo que inclúe a aprendizaxe de conceptos básicos sobre ciberseguridade, a programación dunha forma segura, técnicas de protección e ataques para infraestruturas e contramedidas, entre outras cuestións”. Co fin de completar a aprendizaxe presencial todas as persoas participantes teñen acceso a un entorno de formación online na que se inclúen diferentes recursos como complemento do visto na aula.
O Concello tamén lembra que aínda fican vacantes dispoñíbeis, polo que as rapazas e rapaces que queiran participar aínda poden facelo formalizando a súa inscrición en fundaciontelefonica.com.

PUBLICIDADE