Arranca o Servizo Chave 365

martes, 15 de setembro do 2015 Redacción

Na mañá de hoxe presentábanse dúas iniciativas inseridas no Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020, estamos a falar do proceso de dixitalización das Oficinas de Rexistro e do Servizo Chave 365. Con estas propostas -expostas este mesmo martes no Rexistro Xeral da Xunta polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira- quérese dar un paso avante cara a tramitación 100% electrónica e facilitar a accesibilidade aos servizos en liña.
Indo por puntos, o Servizo Chave 365 (que entra hoxe en funcionamento) simplifica a xestión telemática coa Administración empregando claves concertadas vía móbil para acceder á sede electrónica. Esta idea nace coa vontade de mellorar o uso do certificado electrónico e para evitar que as persoas menos familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías fiquen excluídas dos servizos electrónicos.
A incorporación de Chave365 permitirá avanzar cara a sede electrónica móbil, facilitando o acceso desde dispositivos móbiles ou tabletas a algunhas funcionalidades, como a consulta do estado dos expedientes na Carpeta do cidadán. O Chave 365 estará dispoñíbel de xeito progresivo no resto das oficinas de Rexistro.
Cómpre salientar que a tramitación en liña supón un aforro mínimo de 75 euros por solicitude, fronte á modalidade presencial.
Asemade, a AMTEGA, en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta, está a pilotar tamén no Rexistro Xeral a dixitalización da documentación que achegan os cidadáns. Este proceso continuará a espallarse de xeito progresivo no primeiro trimestre de 2016 nos rexistros únicos da Xunta na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. O obxectivo é estender este proceso ás 533 oficinas que integran o Sistema Único de Rexistro ao longo de 2016.
Unha vez completada a introdución, calquera documento que entre nestas unidades será dixitalizado e compulsado electronicamente para conformar o expediente administrativo dixital, que se almacenará no Arquivo Dixital de Galicia e eliminar o uso do papel en toda a relación entre cidadáns, empresa e a administración.

PUBLICIDADE