Arranca a campaña publicitaria que promove o TDT como agasallo de Nadal

mércores, 3 de decembro do 2008 Raquel Noya

O Ministerio de Industria vén de por en marcha a nova campaña de comunicación sobre a Televisión Dixital Terrestre (TDT), que busca converter a TDT no agasallo tecnolóxico “para todos neste Nadal”.
A campaña, que arrancou onte martes 2 de decembro, ten tres obxectivos principais, que son (segundo os seus responsables): “incrementar a penetración da TDT nos fogares españois e entre a cidadanía, fomentar o coñecemento das súas vantaxes e utilidades e incrementar o número de edificios e fogares coa antena adaptada para a recepción da TDT”.
O “concepto creativo” da campaña está baseado en buscar a anticipación na adquisición dos agasallos de Nadal polo que a mensaxe que se transmite é: “que non te pille o toro, este Nadal, regala TDT”.
A campaña conta cun presuposto de 6 millóns de euros e estenderase dende hoxe ata o vindeiro día 5 de xaneiro, con presenza nos seguintes soportes: televisión, radio, prensa gráfica, Internet (a través da web www.quenotepilleeltoro.es) e no exterior con vallas e carteis.
Cun ton fresco, próximo e divertido, nos anuncios dos distintos soportes da campaña a posible solución ao feito de deixar a adaptación á TDT para o último momento móstraa unha persoa que, vivindo en España e querendo ao país, non é español. No caso dos anuncios para televisión, que xa puidemos ver na tarde de onte, é un arxentino quen lle abre os ollos aos cidadáns para que se adapten canto antes á TDT.


Fases do Plan de Transición á TDT


O Plan Nacional de Transición á Televisión Dixital Terrestre establece 90 proxectos de transición que, en conxunto, abarcan a totalidade do territorio do Estado. O calendario de cese de emisións analóxicas dos referidos proxectos de transición determinouse diferenciando os mesmos en tres grupos:

- Primeiro grupo (Fase I): aqueles proxectos de transición que, tendo unha poboación inferior a 500.000 habitantes, contan cun alto porcentaxe de cobertura en TDT e precisan un número reducido de centros para acadar unha cobertura similar á analóxica.

- Segundo grupo (Fase II): aqueles proxectos de transición cunha poboación intermedia (entre 500.000 e 700.000 habitantes).

- Terceiro grupo (Fase III): aqueles proxectos de transición con poboación moi elevada (máis de 700.000 habitantes) e/ou que precisan da instalación dun número importante de centros para acadar unha cobertura similar á analóxica.

PUBLICIDADE