Arousa Norte fai máis accesible a súa web

venres, 4 de novembro do 2011 Raquel Noya

Juan José Montiel fixo unha demostración do acceso á web

A Mancomunidade Arousa Norte, que dende hai tempo aposta por promover o turismo da zona a través da súa web con información sobre lugares para comer e durmir, actividades para facer ou paraxes que visitar, vén de redeseñar o seu esqueleto base, de maneira que os seus contidos son agora máis accesibles a persoas con discapacidade visual, motriz ou mesmo simplemente tecnolóxica, porén sen perder a esencia do deseño anterior.
A web é agora máis funcional e intuitiva, e segundo os técnicos que traballaron no seu redeseño, cumpre cos estándares de accesibilidade web nivel AA que marca a W3C, a normativa mundialmente recoñecida para a creación de sitios web accesibles.
Mais iso si, a accesibilidade no idioma segue a ser unha tarefa pendente para os técnicos da plataforma posto que a web non está en galego, a lingua habitual da zona e dos empresarios que comercializan os seus produtos e servizos nela, e pode usarse, iso si, en castelán e inglés.
Na súa teima por acadar un destino turístico de accesibilidade universal, Arousa Norte dispón desta web dunhas 200 ligazóns de contidos (tamén correctamente adaptadas), entre as que se encontra a ligazón á plataforma comercial dos paquetes turísticos que ofrecen os empresarios da zona: Mardearousa-norte.es.
Unha das axudas técnicas que se emprega con máis frecuencia neste tipo de páxinas son os lectores de pantalla, que lles permiten ás persoas invidentes beneficiarse da total xestión das aplicacións do ordenador sen necesidade de velas. Por outra banda, para as persoas con discapacidade motriz, substitúese a función do rato por combinacións de teclas que permiten levar a cabo todo tipo de operacións; parte destas facilidades xa se puideron comprobar in situ o día da presentación da web, da man de Juan José Montiel, técnico informático invidente de Technosite, a empresa encargada da remaquetación das web.

PUBLICIDADE