Arousa Norte clausura as súas xornadas de turismo accesíbel e novas ferramentas

venres, 30 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

A mancomunidade Arousa Norte está a desenvolver nos últimos tempos unha serie de traballos dirixidos a favorecer unha actividade turística integradora e universal. É dicir: accesíbel para tódalas persoas, teñan as características físicas ou motrices que teñan. Nesta liña de traballo insírese o encontro-excursión de blogueiros e turistas invidentes que se organizou hai un días no ámbito da mancomunidade, os concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo. Falamos do Arousa Norte Blog Weekend, unha acción que aínda está viva na Rede a través dos cadernos en liña de quen formou parte da aventura. Pois ben, na liña de complementar ao máximo as experiencias, desenvolvéronse tamén as Xornadas de Formación Turismo Accesible, organizadas pola dita entidade para favorecer o traballo de empresarios e técnicos de turismo destes catro concellos no camiño da acadar as mellores prácticas posíbeis para o seu traballo.
As actividades, que contaron co apoio da Secretaría Xeral para o Turismo e os fondos FEDER, serviron non só para abordar as necesidades das persoas invidentes, que son as que participaron na devandita xeira cos blogueiros, senón as de tódalas persoas con algún tipo de diversidade funcional, sexa cal sexa. Amais de asentar as bases para futuras accións en materia de accesibilidade física entre o sector empresarial e público da bisbarra, tamén se abordaron aspectos ligados á accesibilidade virtual, cada vez máis importante, por ser as ferramentas tecnolóxicas a principal porta de entrada para a actividade turística e, tamén, por ser recursos de gran potencial para a inclusión social dos devanditos colectivos. Nesta liña insírese unha iniciativa da que se falou nas xornadas, o proxecto integral para persoas con discapacidade visual posto en marcha por Arousa Norte e que, segundo a mancomunidade, sería o primeiro destas características que se desenvolve no Estado. A iniciativa, informouse, xurdiu en 2010 tralo acordo asinado coa Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta, froito deste achegamento abrollou o devandito proxecto, “unha realidade que xa deu como resultado a creación dun paquete turístico accesíbel integral que inclúe aloxamento en establecementos adaptados, menús degustación en restaurantes da zona e actividades de lecer”.

PUBLICIDADE