Arousa Norte aposta polo deseño visual na súa nova proposta web

martes, 18 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

A Mancomunidade Arousa Norte, que abrangue os concellos de Rianxo, Pobra do Caramiñal, Boiro e Ribeira, vén de estrear nova faciana na Rede. Así nolo conta estes días o xornal Certo reflectindo datos achegados pola propia entidade, que con este novo paso na Rede buscaba poñer un especial coidado na aparencia, no deseño, na accesibilidade e na marxe de uso (ampliándoa). Isto polo que respecta aos obxectivos no papel, porque á web fáltalle aínda ao noso xuízo un elemento clave para converterse en útil dende o punto de vista informativo e turístico: a lingua galega e outras moitas, como por exemplo a inglesa, a catalá, a éuscara ou a francesa. Este novo paso, con todo, conta co mellor dos precedentes: a obtención o premio Ferpalia en 2006 como mellor web turística da nosa terra.
A intención de Turgalicia é recoller eses éxitos da páxina previa e amplialos e darlles pulo. Asemade, a idea é poñerlles as cousas máis doadas posibles aos visitantes que se acheguen a Arousa Norte. Con este fin, púxose en marcha un apartado onde se poden preparar as viaxes de antemán, indicándose exactamente os itinerarios a seguir, onde durmir, onde comer e que ofertas turísticas escoller, dependendo dos plans de lecer de cada quen. No apartado multimedia ofrécese material de todo tipo (fotografías, vídeos, gravacións e en breve lecer dixital) sobre os puntos e eventos máis salientables dos catro concellos do sur da Coruña. Neste feixe de servizos inclúense audioguías, ferramentas que xa estaban operativas dende o ano pasado e que facilitan moito as visitas aos enclaves de interese naturais, culturais e etnográficos.
De xeito complementario, segue activo o blog propio da mancomunidade, unha fonte de comunicación de primeira liña sobre as actividades de promoción cultural que se están a levar a cabo na comarca. A maiores, a nova estratexia dixital de Arousa Norte complétase con apartados e servizos propios nas redes sociais Facebook, MySpace, Twitter e YouTube.

PUBLICIDADE