Argerey destaca en Brasil os logros do Polo Aeroespacial de Galicia en materia de CPI

xoves, 17 de novembro do 2022 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participa estes días na cuarta edición do Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación e Innovación Aberta (Foro CPI), que se celebra en Río de Xaneiro. Neste marco salientou os logros obtidos coa incorporación aos servizos públicos autonómicos de solucións desenvolvidas mediante Compra Pública de Innovación no Polo Aeroespacial de Galicia. Nunha charla na que tamén participou Natasha Scaldaferri, do Hospital das Clínicas do Estado de São Paulo, Argerey sinalou que” das solucións desenvolvidas dentro do Polo Aeroespacial de Galicia, cinco están xa a utilizarse nos servizos públicos galegos”.
Tamén engadiu que a incorporación destas solucións supón un investimento de 2,92 M€ e realízase no marco dos contratos subscritos polas empresas adxudicatarias dos proxectos. Tres delas estanse integrando nas infraestruturas que ten a Xunta de Galicia na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O Instituto de Estudios do Territorio (IET), a Dirección Xeral de Defensa do Monte, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e as consellerías do Mar, de Infraestruturas e Mobilidade e de Medio Ambiente son as entidades usuarias destas solucións.
Utilidades concretas
As propostas incorporadas na operativa dos servizos da Xunta abranguen desde a obtención de datos xeorreferenciados con sensores embarcados en sistemas non tripulados, que permiten dispor de información cartográfica de calidade, con boa precisión e actualizada de forma continua, con usos como a planificación hidrolóxica, do transporte público e de infraestruturas, a elaboración de instrumentos de ordenación urbanística e territorial ou o inventariado de bens culturais; o seguimento e control de pragas forestais e a avaliación de franxas antiincendios mediante o uso de drons; ou o control da calidade das augas a partir dun sistema autónomo de recollida de mostras con vehículos autónomos aéreos e mariños, o que permite a Galicia mellorar o cumprimento da directiva europea da auga. “O impacto da incorporación das solucións supón un antes e un despois na prestación dalgúns servizos públicos: permite a automatización de procesos, reduce riscos e custos e incrementa a seguridade”, salientou Argerey, lembrando que no plan do Polo Aeroespacial de Galicia ata 2026 está en marcha unha nova licitación, na que presentaron propostas 28 empresas e centros de coñecemento, para o desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras para a mellora dos servizos públicos de emerxencias e de xestión dos recursos mariños da Xunta de Galicia. Superada a fase de negociación, convidouse a doce licitadores a presentar a proposta final.
A despregadura das solucións nas Administracións é o ultimo chanzo do proceso de compra pública de innovación, e, tal e como apuntou Argerey, “supón transformar os servizos públicos, deixando de relevo o compromiso da Administración pública coa innovación”. Neste escenario, a directora destacou que Galicia “é referente e pioneira na utilización da Compra Pública de Innovación para o desenvolvemento de proxectos”. Desde 2014 Galicia ten executado máis de 300 millóns de euros mediante este instrumento en diferentes iniciativas, como o Polo Aeroespacial.
O Foro CPI, que se celebra até este 18 de novembro, en Río de Janeiro, celebrou en Galicia a súa primeira edición en 2018, e nesta está tamén apoiado pola Xunta.
No evento danse cita representantes de diferentes administracións públicas responsábeis de compras e de innovación de diferentes países iberoamericanos para intercambiar experiencias, compartir coñecementos e abordar retos de futuro.

PUBLICIDADE