Areasantiago.es, nova web turística sobre Compostela e os concellos da súa contorna

martes, 14 de xaneiro do 2014 Redacción

Santiago e a súa contorna teñen dende xa unha páxina turística de seu: Areasantiago.es. Trátase dun portal no que se reúne a información turística dos 19 concellos das provincias da Coruña e Pontevedra que integran este cinto xeográfico ligado de xeito especialmente estreito a Compostela. A web resultante, trilingüe (galego, español e inglés), resulta “moi visual”, en palabras dos seus responsábeis, e achega tódolos seus recursos xeolocalizados. Contén vídeos, sección de descargas de fotografías, unha axenda cultural programada para publicar de maneira automática nas redes sociais, e ademais dun espazo adicado á información turística clásica sobre monumentos naturais, festas, áreas de autocaravanas, aldeas con encanto, camiños de Santiago e itinerarios.
Ademais, posibilita reservas en liña a través da central de reservas local e o grupo de traballo avanza en contacto coa Consellería de Medio Ambiente co obxectivo de incluír a opción de solicitude de permisos de pesca de maneira axilizada.
A presentación da web desenvolveuse este martes no consistorio santiagués, nunha cita cos medios presidida polo alcalde da capital galega, Ángel Currás, e coa asistencia dos rexedores de Padrón, Rois, Silleda e Melide e os concelleiros de turismo de Compostela, Lalín, Padrón, Vedra e Vila de Cruces.
A web está enmarcada dentro do Plan de Acción 2013-2015 de Área Santiago. Un plan que ten como obxectivo “mellorar a información turística e a visibilidade dos 19 concellos (A Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces), poñendo en valor os seus recursos naturais”. A páxina darase a coñecer a nivel estatal o vindeiro 22 de xaneiro na Feira Internacional de Madrid, FITUR, xunto ao mapa turístico e a aplicación móbil de Área Santiago.

PUBLICIDADE