Aratech xa posúe grupo de debate na rede LinkedIn

martes, 25 de marzo do 2014 Redacción

A start-up galego-madrileña Aratech, adicada ao desenvolvemento de software, vén de anunciar a creación do seu primeiro grupo de debate aberto na rede profesional LinkedIn. Aratech -que como xa apuntabamos recentemente en Código Cero conta con sede de seu no Milladoiro, Ames- pretende atopar neste grupo de intercambio de ideas outra canle para contactar cos profesionais do sector.
O grupo en cuestión chega baixo o nome de Lifestyle Tech, e amósase como unha vía para compartir ideas entre profesionais do sector da tecnoloxía, tendo unha arela clara: achegarse aos usuarios de novas tecnoloxías e dos profesionais das mesmas co gallo de manterse sempre ao tanto das últimas novidades deste eido en constante evolución.
Emporiso, Lifestyle Tech é o nome que elixiu Aratech para concentrar aos usuarios que queiran pertencer a esta comunidade tecnolóxica. O nome do devandito grupo xorde do claim (“Lifestyle technology”) que posúe o logotipo da start-up, xa que era a maneira máis directa de amosar a mensaxe que querían lanzar desde Aratech: “O noso estilo de vida é a tecnoloxía”.
Dentro deste grupo xa se crearon diversos debates que suscitaron a opinión dalgúns usuarios de LinkedIn e dos propios membros do grupo. Os temas tratados, até o de gora, foron: o “fracaso” de vendas do iPhone 5c (foi o máis comentado no debate), o uso de plataformas cloud e a wearable technology, aproveitando o espazo que a Aratech lle adicara a este tema no seu blog.

PUBLICIDADE